LÓPEZ BUENO APOIA A PROFESIONAIS E USUARIOS DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES NA SÚA PETICIÓN DE SERVIZOS BÁSICOS

O voceiro socialista ve “inaceptable” a carencia dos servizos máis básicos. Critica a falta de preocupación de López Campos e de Juan Constenla.

Usuarios e profesionais presentaron máis de 260 firmas no Concello reclamando unha solución.

31 de marzo. Luis López Bueno considera “inaceptable” que a Estación de Autobuses da Estrada careza dos servizos máis básicos para os condutores de autobuses e os usuarios dos servizos de transporte que se prestan no Concello da Estrada.

O voceiro socialista valorou que a nefasta xestión de persoal por parte do PP provocou que neste momento “non haxa traballadores suficientes no Concello” e que polo tanto “non é posible atender a infraestrutura a tempo completo”. A falta de persoal obrigou ao goberno municipal a clausurar a Estación de Autobuses para o uso diario do transporte de pasaxeiros deixando unha marquesina que “non se corresponde co servizo que debería ofrecer un concello de 20.000 habitantes”.

O PSOE era consciente dende hai semanas das necesidades que detectaban tanto os profesionais como os usuarios da Estación de Autobuses, ata que no Pleno ordinario do mes de febreiro, López Bueno plantexou unha solución que resolvería o problema dos servizos básicos superando a carestía de persoal municipal. A proposta consiste en apoiarse nos condutores para poder manter a Estación “aberta e vixiada” para dar cobertura a cuestións tan básicas como un baño público.

“Quixemos darlle marxe ao goberno municipal para que organizara esta idea, e demos máis de dúas semanas para que Juan Constenla inspeccionara as instalacións, pero non o fixo”, afirmou López Bueno. Tamén asegurou que “é unha iniciativa moi sinxela de aplicar e que dá resposta ás necesidades  manifestadas”.

A falta absoluta de preocupación tanto do Alcalde como de Juan Constenla obrigou aos profesionais a recoller firmas para que o PP vira que é unha necesidade que teñen os condutores pero tamén os usuarios, que respaldaron masivamente a proposta. De feito, presentáronse diante do Concello máis de 260 sinaturas demandando solucións.

López Bueno afirmou que “é unha cuestión de vontade política” e considera que o PP ten unha “dobre vara” para medir as necesidades duns veciños e doutros. Expuxo que Juan Constenla afirmaba non atopar as chaves para inspeccionar as instalacións. Dende o PSOE replican que “días máis tarde abriuse a porta principal da Estación para unha actividade”, polo que “ou Juan Constenla está moi perdido ou non quere atender a proposta”.

López Bueno asegurou que “con este goberno non podemos traballar con lealdade porque non fan caso, igual que lles pasa a moitos veciños e veciñas”. Tamén manifestou que fará a súa parte e continuará traballando para resolver un problema que “ten fácil remedio” e pediulle aos concelleiros do PP que “sigan o exemplo e se poñan a traballar tamén”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.