LÓPEZ BUENO CONSIDERA “POUCO COHERENTE” A PRESENZA DE MEMBROS DO PP LOCAL NA VISITA DA CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL

O líder socialista remarca que o PP “vota en contra de traer novos servizos sociais para A Estrada” e lamenta que o PP intente apropiarse do traballo da iniciativa privada.

23 de febreiro. Luis López Bueno tachou como “pouco coherente” a presenza de López Campos e Amalia Goldar na visita que fixo a Conselleira de Política Social ao Concello da Estrada o pasado mércores. Para o socialista, que membros do PP local acompañaran á Conselleira é “pouco coherente” porque “son os mesmos concelleiros que votan en contra das iniciativas para traer novos servizos sociais ao Concello”.

Bueno destacou que hai escasas tres semanas o PP votou en contra de solicitarlle á Consellería de Política Social a posta en marcha dun Punto de Encontro Familiar na Estrada, proposta que partía do Grupo Municipal Socialista “como todas as propostas para a área de Benestar Social”.

Nese sentido, o líder da oposición lamentou que o PP intente apropiarse do traballo que está desenvolvendo a iniciativa privada na Estrada a través de empresas e asociacións. López Bueno entende a visita “en clave electoral” porque nos últimos anos “non se aumentou o apoio institucional e o económico subiu o estritamente necesario” ás asociacións e empresas que xestionan os servizos sociais do Concello. Destacou que os servizos de Espazo Concilia, Atención Temperá, Escola Infantil, SAF e Centro de día “fan un traballo impresionante cos escasos recursos que reciben do Concello e da Xunta”, e opina que “se máis tiveran, máis traballo farían”.

Tamén considera que as visitas do pasado mércores estaban destinadas a “apropiarse” do traballo que realiza a iniciativa privada no ámbito dos servizos sociais, e recorda que esa iniciativa privada “é a que está asumindo a xestión e a prestación dos Servizos Sociais no lugar do Concello e a Concelleira de Benestar Social”.

López Bueno tamén lamentou que o alcalde “claudicara” ante a Xunta de Galicia a propósito dunha nova residencia pública na Estrada. O líder socialista esixirá no vindeiro pleno que o PP “inicie as xestións para conseguila” e deixe de ser “cómplice” do modelo privatizador da Xunta. O socialista apuntou a que “a residencia pública actual quedou moi escasa de prazas, a nova residencia privada estará chea en poucas semanas, e A Estrada merece máis prazas en residencias públicas”.

Considera que a posición da Estrada como cabeceira de comarca e preto de Compostela, a demanda actual e o aumento que virá nos vindeiros anos fan posible que coexistan dúas residencias públicas e unha privada que terían cubertas todas as prazas. López Bueno asegurou que “está no tellado do PP buscar o investimento da Xunta” aínda que lamenta a actitude de López
Campos, que tacha de “conformista”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.