O PSOE NON VE ATINADA A XESTIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO E PIDE SERIEDADE Á HORA DE DAR OS DATOS

López Bueno lamenta que a xestión do PP pase por “non prestar servizos para ter superávit”. Non considera intelixente deixar recursos sen gastar mentres están suspendidas as regras fiscais para os Concellos.

27 de xullo. O PSOE aclarou os datos que ofreceu o Concelleiro de Facenda a respecto da Conta Xeral do exercicio 2021 e lamentou a dirección política do goberno respecto da xestión económica do Concello.

Luis López Bueno opina que a xestión das finanzas municipais “é nefasta” por tres razóns:

O Concello xerou 3 millóns de euros de remanente de tesouraría no 2021, o que se traduce en que “non se prestaron servizos públicos e polo tanto xérase aforro”. Para o líder socialista “non é a dirección atinada” xa que o Concello debe “atender as demandas dos veciños e veciñas aínda que se xere menos remanente”.

O Concello aprobou este ano un crédito de 4,5 millóns de euros, que deixará a débeda do Concello da Estrada en 9 millóns a final do ano 2022. O líder socialista non ve “razoable” contar con remanentes paralizados mentres se asume máis e máis débeda.

Os orzamentos nacen “mal configurados”, chégase a unha cifra de execución “irreal” do 125% porque o PP deixa fóra do orzamento ingresos (e gastos) que son recorrentes, como os 1,6 millóns de euros anuais do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. López Bueno entende que “o orzamento debe reflexar a realidade, e os orzamentos da Estrada non o fan”.

Ademais considera “inaceptable” que Alberto Blanco recollera a renovación de luminarias no rural subvencionada polo IDAE como investimento real no ano 2020 e no ano 2021, “ou se recolle nun ano ou se recolle noutro, pero nos dous non pode ser”, indicou.

Nese sentido, manifestou que lle garda respecto profesional a Alberto Blanco aínda que as súas posturas sobre as finanzas municipais “son moi distintas” e pediulle ao Concelleiro que sexa “serio” e non ceda á propaganda que intentan levar a cabo Wecom e a alcaldía.

López Bueno tamén indicou que “non parece acertado” deixar sen executar 3 millóns de euros do orzamento porque “hai servizos municipais moi mal dotados” e porque “estamos nun momento de suspensión das regras fiscais, agora é cando se pode utilizar a capacidade económica do Concello sen ningún corsé”.

Sobre a incorporación de remanentes, López Bueno espera “moi boas explicacións” sobre a partida de 85.000 euros que se pretende habilitar para “posibles imprevistos” na construción das pistas de atletismo, así como outras que pretende sacar adiante o goberno municipal.

Bota en falta que o PP sexa “valente” e atenda propostas socialistas como tirar fibra nas parroquias utilizando a operadora A Estrada Dixital ou acondicione determinadas unitarias como centros de día. Vista a conta xeral, capacidade económica “hai de sobra”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.