Ve “inxustificable” que case tres meses despois da aparición de nova documentación o PP aínda non aclarara a situación xurídica do edificio.
19 de abril. Luis López Bueno esíxelle ao PP avances sobre o centro de saúde da Avenida de Santiago. O voceiro socialista afirma que o PP tivo tempo “máis que suficiente” para aclarar cal é a situación xurídica do edificio e “avanzar” na hipotética reversión ao patrimonio municipal.
O socialista ten claro que A Estrada ten que fixar como prioridade recuperar o edificio do Centro de Saúde antigo para crear un Centro Integral de Atención Social. Considera “fundamental para o futuro” dotar de instalacións decentes aos Servizos Sociais que ofrece o Concello e poñerse en posición de ampliar prazas e incorporar novos servizos. Ademais diso, ve “urxente” mellorar a calidade da asistencia, que agora mesmo se dá en espazos “pouco axeitados” como o piso cedido na Benito Vigo ou o Novo Mercado.
López Bueno considera que a pouca capacidade de traballo dos concelleiros do PP provoca que o edificio continúe deteriorándose, encarecendo así a reforma que necesita para acoller servizos municipais. “É inadmisible que ningún dos 12 concelleiros do PP se preocupe de verdade por este asunto”, afirmou.
Recordou que o PP unicamente foi capaz de desinformar aos veciños e veciñas sen que conste ningunha consulta cos órganos competentes para a posible reversión, compra ou cesión do edificio ao Concello. A falta de dilixencia do PP foi combatida polo Grupo Municipal Socialista, que si fixo os deberes e desmentiu que a Adminsitración Xeral do Estado fora esixir prezos de mercado pola cesión ou compra das instalacións.
Tamén ve “preocupante” que dentro da débeda de 8,5 millóns de euros coa que rematará o Concello no exercicio 2022 non haxa “nin unha soa partida para a reforma do centro de saúde antigo”. Na súa opinión, isto deixa claro que o PP pretende “deixalo en ruínas” e valora que “o PP non ten ningunha idea propia para darlle utilidade ao edificio e revitalizar esa zona da vila”.
López Bueno indicou tamén que a proposta socialista “é a mellor opción” por varios motivos:
- As instalacións da Avenida de Santiago contan cunha superficie construída superior aos 2.000 m2. Esa superficie permite acondicionar espazos máis que suficientes para acoller no mesmo edificio os Servizos Sociais que presta o Concello actualmente. É a mellor opción entre as posibles xa que outros edificios contan cunha superficie construída moito menor: Xulgado 1 (530m2), antigo edificio do INEM (291 m2) e Xulgado 2 (arredor de 200 m2).
- Ademais diso, permitiría aumentar o número de prazas en todos os programas. Tamén poñería ao Concello en disposición de incorporar novos servizos á carteira de Benestar Social.
- Axudaría a revitalizar unha área da vila que notou a nivel social e económico o traslado do Centro de Saúde. É unha área con espazo suficiente para a comodidade dos usuarios e familiares.
- Custo económico asumible polo Concello. A reversión do edificio permitiría recuperar o edificio sen ningún custo. En calquera caso, a compra ou cesión nunca estarían suxeitas a prezo de mercado e sería sinxelo de encaixar a nivel económico. A titularidade ou cesión do inmoble permitiría acceder a financiamento doutras administracións para enfrontar a reforma do edificio.
- Oportunidade única. Existen exemplos de edificios desaproveitados no corazón da vila. A Estrada non pode permitirse que unha instalación superior aos 2.000 m2 quede en estado de ruína.
Deterioro e inquilinos
López Bueno tamén advirte de que o edificio “xa se atopaba nunha situación preocupante hai un ano” e que a falta de uso diario ameaza con “deteriorar elementos estruturais do edificio”, que podería chegar a facelo inservible. Nese sentido, considera “moi grave” que o PP non tome ningunha iniciativa para que a administración do Estado ou o propio Concello leven adiante tarefas de conservación básica porque “dunha maneira ou doutra, ese edificio rematará no patrimonio municipal”.
Ademais diso, veciños da zona advirten de que hai inquilinos no edificio e que se está a converter nun punto onde varios menores adoitan reunirse para facer botellón. Sobre ese asunto, López Bueno ve necesario reforzar a vixilancia da instalación e disuadir aos rapaces e rapazas desas prácticas.
Investimento nas parroquias
López Bueno instou ao PP a abandonar a súa “realidade paralela” porque “os veciños e veciñas saben que a situación das parroquias é de completo abandono”. Indicou que “nos últimos 4 anos os protagonistas indiscutibles do investimento no rural foron a Deputación de Pontevedra, con máis de 3,4 millóns de euros, e o IDAE co financiamento para a renovación de luminarias.
O voceiro considera “pouco razoable” o triunfalismo do PP porque “os veciños e veciñas padecen a nefasta xestión deste goberno”, e pon como exemplos o nefasto funcionamento do servizo de recollida de lixo, o escasísimo número de traídas e saneamentos municipais, e outras cuestións como a lentitude do PP á hora de tramitar licenzas para construír vivenda nas parroquias. López Bueno sentenciou que “as parroquias precisan moitas máis cousas que asfaltados aínda que o PP non o entenda”.