LÓPEZ BUENO TACHA DE “OCORRENCIA” O “CARSHARING RURAL”

Ve “curiosísimo” que o vehículo para o carsharing rural se instale na porta do concello. Indicou que “é unha ubicación estupenda para que funcione como coche oficial”.

9 de febreiro. Luis López Bueno criticou a instalación dun vehículo compartido na porta do Concello. Para o líder socialista é froito doutra “xenial ocorrencia” do PP da Estrada.

López Bueno considera que o PP “non entende para nada os problemas reais dos veciños e veciñas” e valorou que “o problema é chegar dende as parroquias á vila para facer xestións e acceder a servizos, non ao revés”.

O voceiro ironizou sobre o feito de que o servizo se denomine “carsharing rural” e se instale o vehículo “en pleno centro da vila, na porta do Concello”. Dubida que sexa “operativo” para os veciños e considera que o coche “estará nunha ubicación estupenda para que os concelleiros do PP o utilicen como coche oficial nos seus desprazamentos ás parroquias”.

Dende logo non lle parece “oportuno” pagar 10.000 euros ao ano por un vehículo municipal que “non resolve ningún problema”. Para o PSOE prioridade debe ser conectar os 480 núcleos de poboación coa vila. O socialista afirmou que “hai que vertebrar o Concello” e recordou que o Grupo Municipal Socialista propón artellar un servizo de transporte baixo demanda ou incluso artellar un sistema de autocar local como o “Teobus”. “Ese debe ser o modelo de mobilidade sostible, o coche do Concello non vai a reducir emisións e é absolutamente prescindible”.

Indicou que o sistema rotaría por días nas distintas zonas do Concello para facelo máis eficiente, e así “os 10.000 veciños e veciñas das parroquias poderán organizarse para realizar as súas xestións na vila”.

Ademais, o voceiro socialista advirte de que o sistema de organización ten un encaixe “moi complicado” para que existan garantías. Esperará a que o PP explique “que pasa se alguén se excede no tempo de uso ou nos quilómetros” por exemplo, ou como darlle fiabilidade ao horario das reservas.

López Bueno destacou que durante este mandato “as ocorrencias do PP están saíndo moi caras”. Citou exemplos como o baño “intelixente” que funciona coma un baño normal (71.000 euros), o sistema de parking “intelixente” que conta “aproximadamente” os vehículos nos aparcamentos (130.000 euros), ou o terraway da praza da Feira que está marchando rúa abaixo (824.000 euros).

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.