MOCIÓN PARA SOLICITUDE DUN PUNTO DE ENCONTRO FAMILIAR (PEF) NO CONCELLO DA ESTRADA

De acordo co previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, o Grupo Municipal Socialista do Concello da Estrada desexa someter á consideración do Pleno a seguinte MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia define e  estrutura o Sistema galego de benestar. Entre os obxectivos da lei atópase o de garantirlle o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas. Este obxectivo desenvólvese na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Desenvolvendo as competencias marcadas no Estatuto de Autonomía de  Galicia, o Decreto 96/2014, do 3 de xullo, polo que se regulan os puntos de encontro familiar en Galicia define a figura deste servizo público e dótao dunha regulación, xa que dende o 2001, a Xunta financia unha rede de Puntos de encontro familiar.

A Estrada é un Concello cabeceira de comarca e con certa área de influencia, no que ata o momento non se estableceu ningún punto desa rede. Hai que salientar que ningún goberno municipal lle solicitou á Xunta a  implementación deste servizo no noso Concello.

Á marxe das sete cidades galegas, unicamente Ribeira (de onde é nada a actual Conselleira de Política Social) e Lalín solicitaron con éxito este servizo. O feito  de que exista unha rede tan exigua de Puntos de encontro familiar provoca que veciños e veciñas da Estrada e outros Concellos da nosa área de influencia  deban desprazarse ata a cidade de Pontevedra para facer uso do servizo.

É indecente que a Xunta non lle teña ofrecido á Estrada acoller un punto desta rede, tanto pola importancia do noso concello no norte da Provincia de  Pontevedra como pola cantidade de veciños e veciñas que demandan un servizo próximo.

A Estrada é un municipio interior, de tamaño grande e coa poboación dispersa en numerosísimos núcleos de poboación. No marco desta iniciativa, a extensión xeográfica da Estrada produce absurdos como que dous proxenitores residentes na banda máis oriental do noso Concello deban desprazarse máis dunha hora para acceder ao Punto de encontro familiar que lles foi asignado (Pontevedra).

A necesidade de combater o despoboamento obriga a dotar aos Concellos do interior dos servizos que precisan os veciños e veciñas. De non tomar este tipo de iniciativas, o rural continuará inmerso nun círculo vicioso que remata na perda cada vez máis acelerada de poboación, con todas as consecuencias negativas que supón o despoboamento.

A Estrada debe ser referente da comarca e da área de influencia, e como tal merece un Punto de encontro familiar de xestión propia da Xunta.

Polo exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que se adopten os seguintes ACORDOS:

  • Solicitarlle á Xunta de Galicia o establecemento dun Punto de encontro familiar no Concello da Estrada.
  • Solicitarlle á Xunta de Galicia que o Punto de encontro familiar sexa de xestión directa da Consellería de Política Social.
  • Esixirlle á Xunta de Galicia que o Punto de Encontro Familiar da Estrada entre en funcionamento durante o ano 2022.

122021_Mocion_SolicitudePuntoEncontroFamiliar_Psoe

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.