MOCIÓN PARA SOLICITARLLE Á CONSELLERÍA DE SANIDADE A AUTORIZACIÓN PARA A INSTALACIÓN DUNHA BOTICA ANEXA PERMANENTE QUE GARANTA A ATENCIÓN FARMACÉUTICA NAS PARROQUIAS DE OCA, LOIMIL, ARNOIS, ORAZO, BERRES, RIOBÓ, REMESAR E SAN MIGUEL DE CASTRO

O Grupo Municipal Socialista do Concello de A Estrada de acordo ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades locais desexa elevar ao Pleno a seguinte Proposta de MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A mediados do ano 2022 a farmacia de Oca trasladouse ao casco urbano da Estrada, nunha decisión que sendo lexítima, causa un trastorno na vida social dos veciños e veciñas da zona e que teñen como referencia o Centro de Saúde de Oca.

A Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica (LOFG en adiante) regula no fundamental a atención farmacéutica e habilita aos Concellos a solicitar a autorización de novas oficinas de farmacia (art. 12.1 LOFG).

É sabido que A Estrada non cumpre os requisitos para instalar novas oficinas de farmacia ao superar xa os baremos establecidos con 11 farmacias polas 8 que corresponderían, e parece difícil que A Estrada poida xustificar a solicitude de consideración de Zona Farmacéutica Especial.

Fóra diso, o feito de ser un municipio eminentemente rural e con servizos de transporte públicos que dificilmente accesibles para os veciños e veciñas polo elevado número de núcleos de poboación, abren unha porta á solicitude doutras figuras recollidas na citada lei, como é a botica anexa (Arts. 49 e ss. LOFG).

As boticas anexas son establecementos de atención farmacéutica vinculados a unha oficina de farmacia que se destinan a garantir a atención farmacéutica cando se dan circunstancias de afastamento, difícil comunicación coa oficina de farmacia máis próxima, altas concentracións de poboación temporais ou cando concorran situacións de emerxencia que o fagan  aconsellable.

As boticas anexas regúlanse no Decreto 146/2011, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia e na Orde do 20 de novembro de 2001 pola que se establecen os requisitos e o procedemento de autorización de boticas anexas.

O artigo 6 da referida Orde, regula o procedemento de autorización das boticas
anexas e habilita ao Concello a solicitar da Delegación Provincial da Dirección Xeral da Consellería de Sanidade a instalación dunha botica anexa. A  Delegación Provincial tramitará o expediente e fará proposta de resolución que lle elevará á Dirección Xeral de Sanidade, o órgano competente para resolver a solicitude.

O Concello da Estrada está en disposición de solicitar a instalación dunha botica anexa permanente, conforme ás circunstancias definidas nos Arts. 50.1 e 50.3 LOFG, xustificada na difícil comunicación das parroquias de Oca, Loimil, Arnois, Orazo, Berres, Riobó, Remesar e San Miguel de Castro coas súas oficinas de farmacia máis próximas, dentro da Zona Farmacéutica (Farmacia do Foxo) e fóra dela (Farmacias de Santa Cruz de Ribadulla e Bandeira) polo traslado da Oficina de Farmacia que existía na zona e que dificulta o acceso á atención farmacéutica da poboación.

Conforme ao marco xurídico vixente a botica anexa debería situarse a unha distancia de 3 quilómetros da oficina de farmacia máis próxima no caso de xustificarse a solicitude por difícil comunicación, e de 5 no caso de xustificala por afastamento. As parroquias ás que se lle pretende garantir o servizo están a máis de 3 quilómetros das Farmacias do Foxo, Santa Cruz de Ribadulla e Bandeira.

  1. Por estes motivos, o Grupo Municipal Socialista, solicita do Pleno da Corporación Municipal do Concello da Estrada a adopción dos seguintes acordos:
    Deixar constancia de que se recibiron numerosas queixas dirixidas aos membros da Corporación pola dificultade de acceso á atención farmacéutica dos veciños e veciñas da zona xeográfica que comprende as parroquias de Oca, Loimil, Orazo, Riobó, Berres e San Miguel de Castro.
  2. Iniciar os traballos para presentar a solicitude de autorización para a instalación dunha botica anexa permanente na zona xeográfica referida no acordo 1:
    • Elaboración de informe sobre a presenza ou ausencia de transporte público regular e outros factores (núcleos de poboación e distancias coas liñas de transporte) que dificulten a normal e regular comunicación, e de que a distancia existente entre a oficina de farmacia máis próxima e a zona de instalación da botica anexa excede dunha distancia de tres quilómetros medida polo camiño máis curto, conforme ao artigo 8 do Decreto 146/2011.
  3. En caso de acreditarse os requisitos esixidos pola regulación vixente, iniciar o expediente de solicitude de instalación dunha botica anexa permanente diante da Delegación Provincial da Dirección Xeral de Sanidade, para a zona delimitada no acordo 1 desta moción, con base na dificultade de acceso á atención farmacéutica expresada polos veciños e veciñas e a difícil comunicación dos núcleos de poboación das parroquias coas liñas de transporte público.

202212_Mocion_SolicitarBotiquinFarmacia_Psoe

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.