LÓPEZ BUENO EMPRAZA AO ALCALDE A REUNIRSE COS VECIÑOS DA SERAFÍN PAZO ANTES DE COMEZAR A REFORMA

Dise sorprendido de que o PP sosteña que ten apoio veciñal cando consta que non é para nada así.

14 de febreiro. O PSOE da Estrada empraza ao alcalde a que convoque unha reunión aberta para os veciños e veciñas da rúa Serafín Pazo antes de comezar a reforma que o PP pensa executar na rúa.

O voceiro municipal socialista dixo estar sorprendido de que o alcalde falase do apoio veciñal cando é evidente que non o ten e ademais manifestou que lle consta que para nada é así. Tamén indicou que é pouco serio mentir tan descaradamente na prensa, porque é moi sinxelo destapar esas mentiras. Tamén adiantou que preguntará no vindeiro Pleno polo número concreto de apoios que recibiu a proposta do PP, que polo momento é reducidísimo. Instou ao alcalde a abandonar a estratexia da mentira e do engano, que considera produtiva para o PP pero pouco útil para os veciños e veciñas.

Puntualizou que as persoas que viven na Serafín Pazo deben estar de acordo coa reforma e por iso emprazou ao alcalde a que convoque unha reunión aberta para os veciños e veciñas. Desa reunión debería saír adiante unha proposta que convenza á maioría. Para nós esa é a maneira de actuar cando se trata dunha reforma concreta.

O líder socialista valora moi necesaria” unha actuación na rúa xa que se atopa nun estado lamentable que só empeorou pola carga de vehículos que soporta esa rúa pola presenza do aparcamento do Teatro.

Ademais diso, destacou que esa actuación está fóra do Plan de Mobilidade Urbana Sostible e que no Plan de Accesibilidade Urbana a proposta non ten nada que ver co que pretende facer o PP. A ese respecto, López Bueno considera esperpéntico que o PP gastara unha cantidade indecente de cartos en que IDOM redactara eses documentos e despois non fagan nin caso do que se indica neles.

Tamén recordou que os fondos para os asfaltados no casco urbano proveñen integramente da Deputación que financiou o asfaltado de 18 rúas nos últimos anos con máis de 300.000 euros de investimento. Ademais destacou os 400.000 euros da Deputación para aparcamentos disuasorios na Baiuca e rúa Iryda e as zonas de Xogo da Alameda.

PINTADO PRAZAS APARCAMENTO TEATRO

López Bueno considera positivo que o aparcamento do Teatro teña sinalizadas as prazas, algo que parece totalmente excepcional nos parkings disuasorios da vila. Considera que a actuación é mellorable, xa que non se contempla aparcamento para motos en ningunha parte do casco urbano e para o líder socialista tería sentido ubicalas na entrada do aparcamento, porque as dúas prazas para vehículos que se pintaron impiden que dous coches poidan entrar e saír á vez.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.