Considera que “deixará unha foto bonita, pero non é o camiño”. Propón “un plan potente” de vivenda municipal nas parroquias.
7 de marzo. Luis López Bueno valorou a proposta dun “coliving da sidra” como “un exemplo máis do desubicado que está o PP na loita contra a crise demográfica que atravesa A Estrada”. O voceiro socialista considera que é “unha nova ocorrencia do PP” e que leva o apelido “da sidra” para facelo máis espectacular, pero remarca que “non deixa de ser política ficción”.
O líder socialista valorou que a proposta de aldea modelo “deixará unha foto bonita e algún titular de prensa, pero non contribuirá a atallar a crise demográfica que atravesa A Estrada. Dende logo, non é o camiño que hai que seguir”. Opina que a fórmula “non é a atinada” para reverter “o peor momento demográfico dos últimos 180 anos”.
Demografía e Política Industrial
López Bueno entende que “A Estrada debe frear a emigración interior e asentar poboación de forma sostida no tempo”. Indicou que “non sirve de nada traer 4 familias facendo unha inversión se imos perder 140 veciños igualmente. A solución pasa por crear condicións para que as familias traballen e vivan na Estrada. Iso conséguese con política industrial e política de vivenda, non hai outra forma”. Aclarou que “se viñera para A Estrada unha empresa de 500 traballadores tería máis efecto demográfico ca 1000 colivings da sidra”.
Política Municipal de Vivenda
O socialista valora “o cambio de posición do PP” respecto do parque de vivenda municipal, pero considera que “non entenderon nada do que hai que facer”. López Bueno opina que “hai que elaborar un plan de vivenda municipal nas parroquias que sexa potente”, e reclamoulle ao PP que abandone os seus “inventos”.
López Bueno advertiu ao PP de que “para empezar a correr hai que saber andar” e por iso reclama que o Concello se faga con vivenda “en todas as parroquias” e as rehabilite para aluguer de carácter público. “É a forma de aproveitar as máis de 2.500 vivendas baleiras que hai no noso Concello, cun réxime sinxelo de xestionar e que sexa útil para calquera veciño ou veciña que desexe vivir na Estrada”.
Ademais, tamén considera “fundamental” que o Concello cree unha oficina de vivenda para asesorar aos propietarios sobre “os millóns e millóns de euros de axudas públicas que o Goberno de España destina á rehabilitación” e que contribuirían a ampliar a oferta de vivenda, tanto para aluguer como para compra.
Para o Casco urbano, López Bueno valora que captando axudas a través da Oficina de Vivenda que propón e coa creación de instrumentos de protección aos propietarios se conseguirían incluír no mercado do aluguer “decenas e decenas de vivendas que actualmente están sen ocupar” e así “reducir os prezos prohibitivos que se están vendo na vila”.
Política de vivenda da Xunta
Ademais diso, López Bueno considera que “A Estrada debe liderar unha demanda conxunta dos Concellos de mediano tamaño” para que a Xunta de Galicia comece a construír Vivenda de Protección Pública “nos Concellos que a necesitamos”. Manifestou que “no ano 2007 rematáronse 3.774 vivendas de protección pública e no 2021 só 155, todas nas Cidades”. Definiu a política de vivenda da Xunta como “discriminatoria” aos Concellos medianos.
O voceiro socialista considera que “nas cidades existe promoción privada de sobra” e advirte de que “a falta de promoción privada está nos concellos como A Estrada”, e que por iso a Xunta debería “priorizar a construción de vivenda protexida nos nosos concellos e así combater o despoboamento que padecemos”.