LÓPEZ BUENO PROPÓN UNHA GRAN REFORMA DO EDIFICIO DO NOVO MERCADO

Ve urxente a elaboración dun proxecto para non perder 2 millóns de euros dos fondos Next Generation

21 de marzo. Luis López Bueno propón unha gran reforma do edificio do novo mercado para redeseñar e acondicionar os espazos interiores para mellorar a eficiencia enerxética e dotar de novos servizos esas instalacións: unha cámara de frío para que utilicen os praceiros, acondicionar un espazo de hostalaría e modernizar o interior da praza.

O voceiro socialista advertiu de que existe unha liña de financiamento de ata 2 millóns de euros para a recuperación de mercados de abastos, e indicou que o edificio da Estrada debe adecuar o interior da instalación para facela máis útil para os veciños e veciñas ademais da necesidade de devolverlle o dinamismo comercial.

O socialista advertiu de que eses 2 millóns de euros permiten unha actuación verdadeiramente transformadora do edificio remarca que o PP non solicitou os fondos o ano pasado e agarda que A Estrada non sexa menos que outros concellos da contorna que si acadaron ese financiamento.

López Bueno considera que o Novo Mercado debe ter postos abertos todos os días e ter variedade na oferta que os praceiros lle fan aos veciños e veciñas. Dende logo, non parece ideal que unicamente estean abertos 4 postos a diario. Considera que o edificio está claramente infrautilizado.

O socialista aposta por recuperar os postos de peixe para que o mercado cumpra a mesma función de centro comercial que ten en outros concellos galegos e que contribúa dun xeito decisivo a dinamizar a vida social e económica da rúa Padrón, da Avenida de América e da Rúa Waldo Álvarez Insúa.

López Bueno enmarca esta actuación na súa estratexia de recuperación do Centro de Saúde da Avenida de Santiago. Considera que non tería moito sentido retirar os programas de servizos sociais do edificio do mercado sen propoñer unha alternativa para esa zona da vila.

Tamén considera que eses espazos que quedarían libres polo traslado do Espazo Concilia, Centro de Día e Agadea ás novas instalacións do Centro de Saúde antigo permitirían a ampliación do Viveiro de Empresas e a creación de novos servizos como un espazo de oficina para persoas que teletraballan a tempo completo.

Tamén recordou que as políticas comerciais do PP resultaron completamente inútiles como o estudo encargado á USC sobre as medidas económicas que aínda non nos trasladaron aos demais grupos ou a plataforma Ben Mercado que foi un completo fracaso de 32.000 euros como advertira nas reunións previas o propio López Bueno.

Fronte a ese modelo, confrontou as propostas do PSOE local. Destacou que o Concello da Estrada foi o primeiro de todo Galicia en ter sobre a mesa unha proposta de bonos para o consumo no comercio local, presentada polo PSOE en abril do ano 2020 e que o PP nin sequera quixo discutir. Remarcou que o Concello de Vilagarcía e o Concello de Santiago de Compostela adoptaron a proposta da Estrada e aínda hoxe continúa o programa de Bonos Corazón en Compostela.

Tamén destacou a proposta dunha feira do comercio local ao aire libre, que foi proposta polo Concelleiro do PSOE Luis Rendo e que ACOE adoptou, facendo del un evento sen precedentes no Concello da Estrada.

López Bueno tamén contrastou estas propostas coas ocorrencias de López Campos, que xa no 2015 anunciara que o Novo Mercado optaría á Rede de Mercados Excelentes da Xunta de Galicia, que en opinión de López Bueno non serve para nada en absoluto, e coa ausencia total e absoluta de propostas para o comercio local por parte do PP.

Esta entrada fue publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno. Guarda el enlace permanente.