LÓPEZ BUENO CONSIDERA “UNHA BROMA” O PREMIO Á PRAZA DA FEIRA

Critica que o premio do COAG se outorgara sen a visita de ningún membro do xurado, tal e como se establece nas bases do concurso.

Valora que se premia unha obra que tivo que ser modificada hai escasas semanas. Considera que o PP enterrou máis de 800.000 euros, aos que lle hai que sumar o custo da reforma da drenaxe.

23 de marzo. Luis López Bueno valorou novamente o premio Gran de Area do COAG que recibirá a Praza da Feira da Estrada e considerou que se trata dunha broma. O líder socialista aclarou que as bases do concurso prevén a visita dos membros do xurado ás obras propostas para o premio, pero que na acta onde se resolve a concesión do premio non se fai ningunha referencia ás visitas, unicamente se valoraron os planos presentados, que dende logo non se parecen en nada ao que finalmente temos na Feira.

O voceiro indicou que a praza tivo un custo indecente de máis de 800.000 euros por botar unha terra que marcha polas rúas abaixo e recordou que o Concello recibira un informe de COVSA, previo á instalación do terraway, no que desaconsellaba a elección dese firme nesa praza e que ademais advertía do que ía pasar. Criticou que tanto Gonzalo Louzao como López Campos fixeran gala da súa soberbia e tiraran para adiante en contra do criterio técnico. Lamentou que a praza da feira sexa o exemplo máis representativo das políticas do PP da Estrada: Unha obra grande, cun orzamento enorme e cun resultado nefasto.

López Bueno tamén fixo fincapé en que se está a premiar a praza entre outras cousas polo sistema de drenaxe e indicou que ese sistema houbo que modificalo pola incompetencia dos concelleiros do PP, que non fixeron caso das advertencias de COVSA, nin do PSOE nin dos centos de veciños e veciñas que tamén viron o que pasaría. Lamentou a mala actitude dos concelleiros do PP que moi lonxe de admitir os erros, fixeron unha defensa numantina dun proxecto que foi un despilfarro, que todo o mundo o pode ver, e que ademais tiveron que modificar porque todos os demais tiñamos razón.

Tamén aclarou que a praza incumpre as condicións fixadas nos pregos de contratación xa que non permite celebrar as feiras dos mércores nas mesmas condicións nas que se viña facendo antes da reforma, e citou que o firme non é capaz de soportar a auga da choiva e tamén dá problemas co pó durante os meses de calor. Nesas condicións, moitos vendedores xa deciden non vir á Feira porque ou venden no medio dun río ou estragan o xénero co pó que desprende a praza.

Sentenciou que a reforma da praza está matando á Feira e indicou que das feiras de gran formato prometidas por Louzao non hai nin rastro. Hai moitos días que unicamente se achegan 3 ou 4 postos para vender, que ademais marchan ás 11 da mañá porque sen vendedores non hai feira. Indicou que os feirantes admiten que hai moita menos xente e os comercios da vila tamén notaron a merma.

Esta entrada fue publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno. Guarda el enlace permanente.