”É un perfecto coñecedor das necesidades do noso concello e será un aliado para recuperar o vello ambulatorio”
O nomeamento de José Miñones como ministro de Sanidade é unha boa nova para Galicia, pero tamén para A Estrada, pois nos dous anos que estivo á fronte da Delegación do Goberno demostrou compromiso co noso concello. O candidato socialista e voceiro do grupo municipal do PSdeG–PSOE, Luís López Bueno, considera que os veciños e veciñas da Estrada “contamos cun aliado no Goberno de España”.
López Bueno destaca que hai apenas un mes Miñones estivo na Estrada participando nun acto do Partido Socialista sobre o reto demográfico e a atención ao mundo rural, no que presentou os programas que está a impulsar o Goberno de España neste eido tanto cunha oficina itinerante para facilitar trámites administrativos como no despregamento da banda ancha de Internet, que estará completada en todo o territorio estradense antes do remate de 2025. Durante a xuntanza falou directamente con Miñones da demanda do PSOE da Estrada para a cesión do edificio do antigo ambulatorio co obxectivo de convertelo nun Centro Integral de Atención Social que acolla todos os programas de Servizos Sociais que se prestan dende o Concello.
López Bueno considera que o PP da Estrada non aposta en absoluto por recuperar o edificio, e valora que debería ser unha das prioridades do Concello que deberían existir xestións avanzadas diante da Tesourería da Seguridade Social. A este respecto, indicou que unha vez lograda a cesión sería necesaria a implicación da Xunta de Galicia para a transformación do inmoble no gran centro social que A Estrada precisa.
López Bueno tamén destaca que Miñones foi o delegado do Goberno que desatascou o proxecto da variante da N–640, que estivo paralizado polo goberno Rajoy, que mesmo deixou caducar as declaracións ambientais, ata o punto que cómpre volver realizalas. Esta obra, que agora incluirá un túnel para protexer o castro de Preguecido, está, de feito, incluída nos Orzamentos Xerais do Estado de 2023 con 500.000 euros para completar o trámite ambiental.