AMALIA LAGO SERÁ A NÚMERO DOUS DA CANDIDATURA DO PSOE DA ESTRADA

López Bueno destaca a súa enorme capacidade de traballo durante este mandato. Valora a súa dilatada experiencia dentro do Concello. Forma parte da executiva local e provincial do PSdeG.

Luis López Bueno fixo o primeiro anuncio da candidatura socialista para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, que se irá desvelando nos vindeiros días despois de ser ratificada por unanimidade na Asemblea da Agrupación Socialista da Estrada.

López Bueno aposta por Amalia Lago como número 2 e destacou a súa enorme capacidade de traballo polos veciños e veciñas nestes anos. O líder socialista considera que Amalia é “fundamental” no organigrama actual do Grupo Municipal e tamén da agrupación.

Traballadora no sector seguros, Amalia coñece perfectamente o funcionamento interno do Concello porque traballou durante 12 anos como Secretaria da Alcaldía aos que lle suma 4 como Concelleira actual do Grupo Municipal Socialista. Ademais é perfectamente consciente das necesidades da Estrada para non perder os 20.000 habitantes, industria, vivenda e servizos nas parroquias, esa é a nosa receita. A crise demográfica é o gran reto que pretende afrontar o PSOE á fronte do Goberno da Estrada.

Amalia indicou que asume o posto “con toda a ilusión do mundo” e díxose “moi motivada” para afrontar estas eleccións municipais. Considera máis necesario ca nunca o cambio de goberno e manifestou que “non é o mesmo ver como funciona o PP dende dentro que dende fóra, pretenden dar unha imaxe de xestión que non se corresponde coa realidade do que pasa dentro do Concello”. Puxo en valor a actividade do Grupo Socialista nos últimos 4 anos nos que calquera proposta que se levou a pleno foi votada en contra polo PP.

Amalia incorporárase ao proxecto socialista no 2019 como número 4 da candidatura. Forma parte da executiva local do PSOE da Estrada e tamén da dirección provincial socialista.

López Bueno Agradeceu o traballo do actual grupo municipal durante estes anos, sen o que sería imposible reunir unha candidatura tan potente como a que compoñerá a lista do PSOE nestas eleccións municipais. Asegurou que hai sorpresas importantes e avanzou que a candidatura está composta de veciños e veciñas que representan amplamente o casco urbano e as parroquias e que reúnen o requisito fundamental: quererlle á Estrada e querer traballar por ela.

Manifestou que haberá unha renovación moi profunda e considera que o PSOE da Estrada foi capaz de reunir o mellor equipo para sacar A Estrada da decadencia na que nos meteu o PP. O socialista dixo que é ilusionante a gran disposición dos membros da súa candidatura para sumar traballo dende xa para seguir remando na boa dirección como se fixo durante estes 4 anos.

Esta entrada ha sido publicada en Candidatura, eleccións municipais, Luis López Bueno y etiquetada como , , . Guarda el enlace permanente.