LÓPEZ BUENO LAMENTA QUE O PP XOGUE EN CLAVE ELECTORAL CO PAN DE TODOS OS ESTRADENSES

Asegura que a Xunta e o PP da Estrada pospuxeron o avance da autovía “todo o posible”  para “intentar sacar rendemento electoral nestas eleccións municipais”.

O PSOE da Estrada mostrouse escéptico sobre o anuncio do acordo tomado polo Consello da Xunta autorizando a licitación do primeiro tramo da ampliación da autovía AG-59 ata Pontevea. Luis López Bueno lamentou que o PP “volva a xogar en clave electoral cun asunto que é vital para o futuro da Estrada”.

O líder socialista indicou que lle parece “case de broma” que o PP intente colgarse medallas por este acordo “que levamos 15 anos esperando”. Asegurou que o que recibirá A Estrada é “nin máis nin menos o mesmo que outras comarcas galegas como Bergantiños, Salnés, Barbanza, Deza, Arzúa, etc”, iso si, destacou que “coma sempre, A Estrada é das últimas en recibir investimentos” mentres o resto de comarcas levan “décadas” conectadas ás cidades.

López Bueno asegura que “tanto a Xunta como o PP da Estrada “pospuxeron todo o posible este anuncio para intentar “sacar rendemento electoral”. Indicou que lle parece “lícito” dende o xogo político, pero que non lle parece “serio” nin “razoable” que un goberno que debería mirar polos intereses dos veciños e veciñas “mire unicamente polo seu 4×4”. E é máis, López Bueno recordou as declaracións do alcalde onde recoñecía que durante anos foi “xeneroso e comprensivo” co goberno da Xunta que se negaba a realizar a
ampliación.

Considera que o PP da Estrada debería “facer moita autocrítica” en vez de lanzar mensaxes triunfalistas, xa que ata que se licite a segunda fase da ampliación “non se conseguiu absolutamente nada”.

O voceiro tamén indicou que “ata que se licite a segunda fase, A Estrada non terá ningún beneficio” e lamentou que nos 15 anos que pasaron dende a entrada en servizo da autovía “o PP da Estrada fixera anuncios reiterados sobre a súa construción, xogando co pan de todos os veciños e veciñas da Estrada”.

López Bueno valorou que o primeiro tramo da ampliación “non lle resolve nada a ninguén” porque “ningún veciño da Estrada vai utilizar ese tramo ata que non se estenda ata a rotonda proxectada no Rollo”. Asegurou que incorporarse á autovía en Pontevea “é máis lento” para calquera veciño que facelo na Ramallosa “como vimos facendo ata agora”.

Ademais reiterou o seu compromiso e a súa man tendida á Xunta para sacar adiante esta infraestrutura, destacou que “é un dos pilares sobre os que ten que medrar A Estrada”, e máis tendo en conta a situación do mercado da vivenda en Compostela e outros Concellos próximos á capital. Para o voceiro socialista “é unha oportunidade de fixar poboación”, pero salientou que a autovía debe ir acompañada de “medidas de política industrial, de política de vivenda e de servizos nas parroquias”.

López Bueno ve “fundamental” o desenvolvemento do Polígono Industrial de Toedo para crear emprego e xerar riqueza. Coa autovía, o polígono quedaría “perfectamente conectado coa capital de Galicia e co resto da península” e para o socialista “é innegociable contar con Zona Franca de Vigo”. Destacou o caso de Cuntis, que terá 300.000 metros cadrados novos no polígono da Ran, que “estará en posición de atraer investimentos millonarios e empresas de 400 traballadores, mentres que A Estrada seguiremos esmorecendo como a política non cambie”.

López Bueno tamén indicou que “a autovía será inútil se non hai medidas en política de vivenda e se non se mellora o funcionamento de o servizo de Urbanismo, que precisa máis persoal”. Se queremos sacar rendemento da autovía ten que ser atractivo construír na Estrada, tanto na vila como nas parroquias. E ademais é básico mellorar os servizos nas parroquias, tanto da cobertura de fibra óptica como traídas, e saneamentos “facer o que non fixo o PP nos últimos 12 anos, vaia”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.