LÓPEZ BUENO PROPÓN PARQUES CUBERTOS NA AVENIDA DE SANTIAGO E NO ENTORNO DA PRAZA DA FEIRA

Considera “indecente” que a Policía Local clausurase o parque da avenida de Santiago polo perigo que supoñía para os cativos. Asegurou que o PP levaba meses advertido da situación e non fixo “absolutamente nada”.

Luis López Bueno inicia a xira de propostas do PSOE de cara as eleccións do 28 de maio. O líder socialista indicou que levarán no programa a construción de parques cubertos na avenida de Santiago e no entorno da praza da feira. Esta proposta nace da necesidade de dotar dun parque “decente” á zona con máis cativos e cativas do casco urbano, que ademais poderían aproveitar a Escola Infantil e o Colexio de Figueroa. Indicou que se buscará unha bolsa de terreo para ampliar a superficie do parque actual.

O candidato avanzou que tamén se proxectará un parque cuberto no entorno da Praza da Feira, que perdeu a zona de xogos coa reforma do PP e que agora “non utiliza ningún cativo para xogara”. Considera que excluír a zona infantil do proxecto de reforma foi “un erro grave” do PP e que terá que vir unha nova administración para resolver os problemas “evidentes” que presenta a praza da da feira.

López Bueno tamén fixo unha valoración da clausura do parque infantil da avenida de Santiago, que considera “indecente”. Desvelou que foi a propia Policía Local a que precintou o parque polo perigo que ten para os nenos e nenas xogar nese parque que adoece dende hai meses de problemas de mantemento no firme, nos elementos de xogo e tamén no mobiliario.

Advertiu de que o PP leva meses advertido desta situación sen que foran capaces de facer “absolutamente nada” para solucionar unhas eivas que “calquera podía ver”. Ademais asegurou que xa se produciron lesións de rapaces e rapazas provocadas polo mal estado de conservación do parque.

López Bueno lamentou que o goberno do PP non faga ningún mantemento do mobiliario urbano instalado na vila e nas parroquias. Considera “pouco serio” que cada certo tempo haxa que repoñer bancos porque “ninguén do PP coida o que temos” e indicou que “ademais de repoñelo, o PP despilfarra en bancos de 10.000 euros cada un como acontece na Farola”.

O líder socialista afeoulle ao PP que votara en conta da proposta de redactar un Plan de Mantemento de Infraestruturas Municipais que resolvería os problemas dos edificios  públicos e tamén o mal estado do mobiliario. Valorou que ao PP non lle interesa en absoluto ter os elementos en bo estado porque “así pódese contratar con Globalia cunha oferta de tan só 100 euros por baixo do prezo de licitación”. Considera que é moi sospeitoso que para un contrato de 214,991 euros, só se presentara unha empresa cun prezo de 214.881 euros.”Debe ser un caso único en España” apuntou.

Gran Parque

López Bueno valorou como positiva a proposta dun gran parque no entorno da zona deportiva e indicou que “xa é unha proposta que o PSOE levamos en 2015 e 2019”. Fóra diso, considera que parece “de broma” que o PP propoña tal cousa xa que “non son capaces de manter en bo estado as rutas circulares como para manter presentable un parque completo”.

Débeda

López Bueno tamén valorou a “conta da leiteira” que fixo o alcalde para contradicir os informes de intervención e os propios datos de débeda que manexa o goberno do PP. O líder socialista considera “pouco serio” e “perigoso”que o alcalde intente branquear a realidade da situación económica do Concello. Indicou que “os datos que facilita o propio PP cifran a débeda viva en 8,3 millóns de euros” e ademais débese sumar unha cantidade próxima aos 2 millóns de euros que se deberá recoller no orzamento de 2023 para pagarlle
os atrasos aos traballadores e traballadoras.

López Bueno convidou ao alcalde a que faga públicos os datos de liquidación do exercicio 2022 e o orzamento de 2023 canto antes e rétao a “que demostre que estou equivocado”.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.