López Bueno ve ao alcalde «fóra da realidade» das parroquias

O candidato socialista considera que as declaracións do alcalde sobre o rural «non se corresponden co que pasa día a día»

Luis López Bueno saíu ao paso das declaracións «triunfalistas» de López Campos sobre o estado do rural na Estrada. O voceiro socialista convida ao alcalde a «dar unha volta polas parroquias para que vexa como están» e sitúa as declaracións do candidato popular «fóra da realidade».

Valorou que «a conta dos 20 millóns de euros non dá» e indicou que entre o Estado e a Depitación pagaron o 75% do investimento nas parroquias (asfaltados, renovación de luminarias e outras actuacións). Ademais, manifestou que dos 6 millóns de euros dos fondos europeos EDUSI non se executou «nin un só euro nas parroquias».

López Bueno considera que a valoración do PP é «pouco útil» para os veciños e que unicamente intentan tapar o «estado de calamidade» no que están as parroquias da Estrada. Tamén interpreta que apoiar ao PP «é querer máis do mesmo: 0 traídas, 0 saneamentos, pistas en mal estado e sen servizos no rural».

Bueno considera que o PP faría mellor «investindo de verdade en infraestruturas e servizos» e deixando de «tirar os cartos públicos en pantallas, baños intelixentes e bancos de 10.000 euros que lle mercan aos amigos, ou en coches eléctricos para o rural que están aparcados na porta do Concello».

O voceiro dixo que é «pouco crible» o triunfalismo do PP sobre o rural, e considera que son «declaracións grandilocuentes para unhas parroquias que perden poboación ano a ano, nas que apenas se pode construír e que teñen un acceso moi precario aos servizos públicos». Ademais ve «cómico» que o PP propoña facer agora «todo o que non fixo en 12 anos».

Tamén indicou que lle parece «pouco serio» manter na candidatura «ao Concelleiro de Rural que menos traballou polas parroquias na historia da Estrada» e que é «incapaz de recibir aos veciños e veciñas porque está colmando as súas ambicións persoais en Madrid, que me parece moi ben, pero que é incompatible cunha concellería tan importante».

O líder socialista sentenciou que «se o PP mantén o goberno teremos máis do mesmo. Parroquias en crise demográfica, sen servizos

López Bueno aproveitou para tenderlle unha man ao PP e convidar ao candidato popular a «dar unha volta comigo polas parroquias, para que vexa in situ como é o día a día dos veciños».

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.