GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA LÓPEZ BUENO PROPÓN CREAR DOUS NOVOS APARCAMENTOS DISUASORIOS NO CENTRO DA ESTRADA E UN NA AVENIDA DE PONTEVEDRA

O líder socialista aposta por acondicionar os actuais e rematar cos leiraparkings. Os novos aparcamentos situaríanse na rúa Irida e no entorno da praza do Concello.

O PSOE da Estrada comeza a desvelar propostas de cara ao día 28 de maio. Para comezar intentarán resolver un dos principais problemas que atopan os veciños e veciñas que se achegan ao casco urbano nos seus vehículos para consumir no comercio local.

A aposta do seu candidato, Luis López Bueno, é xerar un modelo de vila onde todas as zonas sexan dinámicas e teñan atractivo económico e social. Contrapuxo este modelo ao do PP, que prioriza a inversión no centro mentres o resto de zonas da vila non reciben absolutamente nada.

O líder socialista anunciou que buscará novos terreos no centro da vila para crear dous novos aparcamentos disuasorios próximos á zona comercial. Eses dous novos aparcamentos teñen a misión de resolver o principal problema que lle afecta aos veciños e veciñas maiores que se achegan nos seus vehículos á vila, que é a escaseza de aparcamento cómodo.

López Bueno considera que para persoas máis xóvenes non é un problema aparcar lonxe ou cerca pero para persoas con mobilidade reducida ou cunha certa idade, é toda unha odisea facer compras na Estrada.

Os novos aparcamentos contarían cunhas prazas reservadas que se poderán utilizar cun disco especial para persoas maiores, -do estilo da zona azul-. O candidato socialista ve fundamental que os veciños e veciñas das parroquias teñan un entorno amable para facer as súas compras ou xestións, e por iso ve nesta proposta unha resposta eficaz a un problema que coñecen ben os nosos maiores.

Respecto da avenida de Pontevedra, López Bueno valorou que a construción da rotonda e o cebreado eliminaron decenas de prazas de aparcamento que hai que recuperar axiña. Ademais recordou que durante este mandato o PSOE incluíu no Plan de Mobilidade Urbana Sostible unha ficha para a construción dun aparcamento para camións que resolva a escaseza de prazas para vehículos grandes. Considera que esa actuación xa a incluímos nós nun documento técnico, só falla a vontade política do PP.

Tamén anunciou que acondicionará os aparcamentos existentes chegando a acordo cos propietarios, para que se poidan utilizar en condicións. Considera que seguro que cunha proposta axeitada chegamos a un acordo razoable. Afirmou que os 133.000 euros que o PP investiu en pantallas foron cartos tirados ao lixo e considera que o sistema de conteo de prazas non o pediu ninguén. Valorou que eses cartos estarían moito mellor empregados en resolver os problemas dos aparcamentos, que iso si que o piden os veciños e veciñas.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.