LÓPEZ BUENO GARANTE QUE RECUPERARÁ O AMBULATORIO VELLO PARA OS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO E QUE AS NOVAS INSTALACIÓNS ESTARÁN OPERATIVAS NO 2025

Acompañado de José Ramón Gómez Besteiro analizou a situación do edificio e as posibilidades para acondicionalo como Centro Integral de Atención Socialista

Luis López Bueno presentou un dos proxectos estrela do PSOE para estas eleccións municipais. O candidato socialista afirmou que recuperará o ambulatorio vello para dotar de novas instalacións aos servizos sociais do Concello da Estrada e así poder aumentar o numero de programas e as prazas que se ofrecen neles.

Explicou que se goberna pedirá “inmediatamente” a cesión do edificio “con carácter gratuíto como indica a lei” e que utilizará financiamento “da Deputación, do Estado ou da Unión Europea” para acometer a reforma das instalacións.

Dentro dese Centro Integral de Atención Social estarían instalacións novas para o Centro de Atención Temperá, Espazo Concilia, Banco de Alimentos, Centro de día e alzheimer, que verían ampliadas as prazas dispoñibles para os veciños e veciñas da Estrada. Ademais diso, incluiríanse novos programas como unha unidade de atención á saúde mental, un Punto de Encontro Familiar, unha unidade para mellora da mobilidade das persoas e un programa específico para conciliación de cativos con necesidades especiais.

López Bueno manifestou que “levamos anos defendendo este proxecto e non pararemos ata facelo realidade” e afeoulle ao PP que votara en contra desta proposta “hai precisamente un ano”. Considera que o PP da Estrada “non ten proxecto para o edificio” e que o único que propoñen é “deixalo en estado de abandono ata que sexa imposible de recuperar”. O líder socialista indicou que a súa é unha proposta “para mellorar os servizos sociais do Concello e para revitalizar a parte alta da Avenida de Santiago”. Indicou que hai medios “máis que suficientes” para levar adiante o proxecto e que unicamente depende “da vontade política, e o PP demostrou co seu voto que non a ten”.

López Bueno tamén lle trasladou a Gómez Besteiro o seu proxecto para humanizar a N-640 ao paso polo casco urbano e así mellorar as condicións da mobilidade en vehículos pola vila, e mellorar tamén a seguridade viaria dos peóns, para intentar resolver os atropelos que se producen periodicamente na Avenida Benito Vigo.

De igual maneira, reclamou do Goberno do Estado unha solución definitiva para Liñares, e trasladoulle copia dun escrito presentado polo PSOE da Estrada na Subdelegación do Goberno onde se expoñen os problemas dese tramo da N-640, a opinión dos veciños e veciñas da zona e as posibles solucións técnicas.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.