Presentou en Callobre a súa proposta con Carmela Silva. Anunciou tamén investimentos para recuperar os espazos anexos ás unitarias de todas as parroquias.
Luis López Bueno presentou en Callobre dous dos seus proxectos estrela para as parroquias da Estrada, 5 centros de vida activa e un servizo de transporte baixo demanda que conecte os 473 lugares das parroquias co casco urbano.
O líder socialista explicou que os Centros de Vida Activa asentarán en 5 escolas unitarias que se repartirán por toda a xeografía do Concello. Explicou que nesas escolas se executarían obras importantes para acondicionalas e poder prestar nelas servizos públicos para maiores e cativos.
López Bueno explicou que eses centros contarán con pequenos centros de día a escala para que os veciños e veciñas das parroquias teñan actividades a diario, especialmente aquelas persoas que viven soas. O candidato tamén explicou que se incluirán programas para nenos e nenas, con actividades e aulas de reforzo de carácter municipal para favorecer a conciliación tamén nas parroquias.
O líder socialista destacou os programas de financiamento da Deputación de Pontevedra que se poderían utilizar para levar adiante ese proxecto, que cubrirían o custo de rehabilitar as unitarias.
López Bueno indicou que eses centros contarán con internet de fibra óptica que se
levará ás unitarias con financiamento do Estado para a dixitalización das administracións públicas. Criticou ao PP polo feito de “non solicitar ese financiamento que resolvería boa parte dos problemas de internet que hai nas parroquias”.
Ademais completou a proposta co anuncio da creación dun servizo de transporte baixo demanda que funcionará a diario polas parroquias. O transporte baixo demanda conectará todos os lugares das parroquias coa vila para facer sinxelo “que os veciños e veciñas cheguen ao casco urbano para gozar dos servizos, facer as súas compras ou facer as súas xestións”. Advertiu que “non é ningún invento meu, servizos coma este hainos por toda galicia e na Estrada non debemos ser menos”.
Fronte ao coche eléctrico do PP, López Bueno defende unha proposta “que resolve os problemas de transporte dos veciños e veciñas, para que non teñan que depender sempre dun familiar, dun amigo ou dun veciño que os leve e os traia” e que é “seria, ben pensada e perfectamente executable”.
López Bueno tamén avanzou a súa intención de acondicionar os espazos anexos ás escolas unitarias para crear “novos espazos para os veciños” e insistiu en que “eses espazos irán acompañados dun plan de mantemento para que non se convertan en herbeiras como pasa co PP”.