Presentaron en Toedo o proxecto industrial do PSOE para A Estrada. Polígono de 1 millón de metros cadrados e financiamento de Zona Franca de Vigo.
Luis López Bueno explicou o seu plan industrial para A Estrada da man de David Regades. O candidato socialista propón ampliar o polígono industrial de Toedo en 1 millón de metros cadrados para ter un polígono “referente” en Galicia que sexa capaz de atraer empresas.
“Xerar riqueza e emprego é fundamental para sobrevivir como Concello, e na Estrada temos problemas gravísimos que resolver”, manifestou o socialista. López Bueno considera que a Zona Franca será “un excelente aliado” da Estrada, e opina que é a “única opción para traer industria ao noso concello”.
López Bueno propuxo “xogar na mesma liga que os concellos que medran” e considera que a ampliación do polígono “é o primeiro paso para pensar nunha Estrada en grande”. O candidato indicou que ademais é necesario “ir ás empresas para que se instalen no noso concello” e pensa que é gravísimo que o alcalde “non se reunira con ningunha empresa en 12 anos para que viñera para A Estrada”.
Tamén explicou que o feito de contar con Zona Franca axudará a traer novas empresas porque é unha entidade en contacto constante coas empresas galegas e internacionais, que sabe o que precisan e que pode situar á Estrada no mapa económico nacional.
López Bueno indicou que a ampliación do polígono se executaría na parte posterior do actual. Valorou como “sospeitoso” que o PP propoña crear un micropolígono na outra marxe da estrada a Santiago. Para o socialista “non ten sentido que se divida en 2 un polígono industrial que xa está funcionando” e opinou que as explicacións que ofreceu o PP son “pouco claras”.
Avanzou que se goberna, o PSOE mellorará os viais do polígono actual e mellorará e ampliará os servizos municipais que chegan ás empresas instaladas en Toedo.