O candidato socialista asegura que non afectará á mobilidade e rirá da man de humanización na Rúa San Paio e da creación dun bulevar na Avenida Benito Vigo.
Luis López Bueno presentou o seu proxecto de refoma da Praza da Farola coa que pretende gañar unha praza de 900 metros cadrados, recuperar a emblemática fonte da Farola e incluír un espazo de zona verde. O candidato considera que fronte ao goberno do PP que acabou con todas as fontes que había na Estrada, o PSOE propón recuperar eses elementos “dos que podiamos presumir os veciños e veciñas”.
O líder socialista explicou que a Farola é unha rotonda na que non se cambia de sentido practicamente nunca e que polo tanto “podemos crear esa praza sen afectarlle á mobilidade”. López Bueno considera que é posible conciliar un proxecto que recupera espazo para as persoas coas necesidades de milleiros de veciños e veciñas que dependen do coche para achegarse á Estrada “non son excluíntes”.
López Bueno explicou que se instalarían semáforos no cruce coa rúa Pérez Viondi e rúa 56 para regular o paso cara a Rúa Peregrina e así evitar embotellamentos e facilitar o paso de peóns. Tamén indicou que se manterá un vial de servizo que permita entroncar coa Rúa Don Nicolás.
Esa reforma completaríase cunha actuación de humanización na Rúa San Paio, que ben o precisa, e coa creación dun bulevar na avenida Benito Vigo. López Bueno apuntou a que nos últimos meses anunciáronse actuacións na propia N-640 ao seu paso por Vilagarcía e tamén na N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Manifestou que “A Estrada debe xogar nesa liga” e afirmou que sería un impulso para o comercio e melloraría a apariencia xeral da vila. Esa mellora estenderíase tamén pola Avenida de Pontevedra.
Estas actuacións están complementadas pola creación de aparcamentos disuasorios no entorno da Praza do Concello e na Rúa Iryda, e tamén polo establecemento de horarios habilitados para carga e descarga entre as 22:00 e as 9:00 na rúa Calvo Sotelo. Iso eliminaría boa parte dos problemas que dá a carga e descarga para a circulación no casco urbano.