LÓPEZ BUENO INSTARÁ AO PP A QUE REFORCE OS TRABALLOS DE DESBROCE NAS PARROQUIAS

O socialista recibiu de queixas de case todas as parroquias e advirte
do risco para a seguridade dos veciños e veciñas

Luis López Bueno instará ao goberno municipal no pleno
ordinario de xullo a que reforce os traballos de desbroce nas parroquias nos
vindeiros meses. O líder socialista recibiu queixas de practicamente todas as
parroquias nos últimos días.
López Bueno considera que este “é un problema de todos os anos” e
lamentou que o PP sexa “incapaz de destinarlle recursos a unha tarefa tan
importante nas parroquias”. Agradece a colaboración veciñal de centenares
de veciños que limpan as súas zonas desinteresadamente ante a falta de
cobertura do Concello e recórdalle ao PP que o goberno “ten que cumprir
coas súas obrigas, que para iso se pagan impostos”.
O voceiro do PSOE valora que eses traballos son “fundamentais” para que
as parroquias estean “presentables” e lamenta que o PP “intente xerar un
discurso sobre as bondades do rural cando as parroquias están como
están”. Tamén valorou que coa nova organización do goberno “Juan
Constenla e Gonzalo Louzao deberían ter tempo de sobra para atender
estas cuestións, que agora son dúas persoas a tempo completo”.
López Bueno ve “complicado” que as parroquias gañen poboación cando o
PP é incapaz de prover servizos básicos coma os desbroces. Manifestou que
“a falta de desbroces implica risco de incendio, falta de visibilidade para
vehículos e peóns, e tamén problemas de salubridade”. Ademais valorou
que a falta de mantemento acaba xerando problemas coas canalizacións de
pluviais que se lle supoñen ás marxes das pistas, afectándolle ás vivendas
particulares durante os meses de outono e inverno.
RECOLLIDA DE LIXO
López Bueno tamén instará ao PP a que “remate co problema da recollida
selectiva dunha vez por todas”. Indicou que nos últimos días “todos
puidemos ver os contenedores amarelos cheos a rebosar tanto na vila como
nas parroquias”, e tamén advirte de que é un problema recorrente que o PP
é incapaz de resolver “por deixadez ou por incompetencia, non o sei”.
Sobre a recollida de orgánico, o líder socialista está “moi preocupado”.
Recordou que o persoal deste servizo se estaba asumindo co Plan de
Emprego que chegaba á Estrada da man do Plan Concellos da Deputación
de Pontevedra. López Bueno manifestou a súa preocupación porque “a
Deputación terá un novo goberno, e eu só espero que non acaben co Plan
Concellos, que trouxo á Estrada máis de 11 millóns de euros directos en 7
anos”.
Ademais, considera “pouco serio” que o PP anunciara a privatización do
servizo hai 4 anos e ata agora foran incapaces de avanzar nesa dirección
nin noutra, só conseguiron empeorar o servizo de recollida.

Esta entrada ha sido publicada en Luis López Bueno y etiquetada como , , . Guarda el enlace permanente.