O voceiro de urbanismo do PSOE indicou que a actividade forestal quedará moi restrinxida pola afección dos aeroxeradores, infraestruturas, viais de comunicación e polo cambio de usos de determinadas parcelas.
Ademais recordou que a liña de evacuación afectará a zonas de San Xurxo de Vea e San Miguel de Barcala. Román Suárez Porto manifestou a súa preocupación polo impacto que terá o Parque Eólico do Monte Xesteiros promovido por Norvento. O voceiro de Urbanismo do Grupo Municipal Socialista da Estrada indicou que a actividade forestal se verá moi restrinxida pola zona de afección e servidume dos aeroxeradores, polas novas pistas que se abrirán no monte -que tamén xeran afeccións e servidumes- e polo cambio de uso de determinadas parcelas.
Valorou que “nesa zona crea un problema” xa que hai numerosas parcelas que están destinadas á explotación forestal e que “no futuro non poderán repoboar con vista a novas cortas”. Indicou que o PSOE tivo representación na reunión celebrada o luns na parroquia de Frades e manifestou que seguirán “moi de cerca” os seguintes trámites do proxecto, que se atopa en fase de exposición pública ata o día 22 de setembro.
Suárez ve “moi difícil” que ese proxecto eólico non obteña o visto bo da Xunta, e máis vendo que “están saíndo adiante outros moito máis discutibles”, pero confía en que “as alegacións do Concello e dos veciños forcen algunhas modificacións que suavicen o impacto dese parque”. Tamén indicou que a Liña de Evacuación de electricidade cruzará por San Miguel de Barcala e San Xurxo de Vea, deixando máis zonas afectadas.
Nese sentido, anima aos particulares que se dirixan ao servizo de asesoramento externo que puxo en marcha o Concello a proposta do Partido Socialista. Valorou que este servizo permite que os veciños e veciñas “obteñan información precisa sobre o seu caso e poidan presentar unha alegación moi precisa”. Recomenda que “as alegacións vaian fundamentadas dende o punto de vista técnico-xuirídico” para que se teñan visos de prosperar. Manifestou que “existen varias cuestións discutibles” no proxecto e confía en que a empresa contratada polo Concello “estea traballando xa na alegación e no informe técnico”.
-
Atópanos
Dirección:
Prolongación rúa Alfonso Rodríguez Castelao, Nº 16 Baixo
36680 Estrada, A (Pontevedra)Teléfono:
+34 986 571 991Correo-e:
psdgpsoe.aestrada@gmail.com-