A ESTRADA PERDE PRETO DE 1 MILLÓN DE EUROS DOS OBRADOIROS DE EMPREGO

Luis López ve “vergoñento” que o PP nin sequera solicitara a subvención para os obradoiros duais e xuvenís. Considera que o PP “debe explicar por que non queren o obradoiro coa cantidade de proxectos municipais que poderían facer eses traballadores”.
Luis López Bueno valorou a recente resolución da Xunta de Galicia sobre o programa de Obradoiros duais de Emprego no que A Estrada nin sequera se inscribiu para solicitar a subvención. O líder socialista indica que o Concello perdeu xa máis de 500.000 euros dese programa non solicitado, cantidade que se incrementará noutro tanto ao non solicitar os obradoiros xuvenís. Advertiu de que non é a primeira, nin a segunda nin a terceira vez que o PP perde ese millón de euros, xa que en anos anteriores tamén deixou sen solicitar a
axuda.

López Bueno considera “indignante” que un Concello como A Estrada non solicite estas ferramentas mentres todos os concellos como Lalín, Ribeira, Ames, Mos ou Ponteareas “solicítanos para facer proxectos municipais”. Ademais apuntou que “Concellos de 1.000 habitantes como Dozón pídenos e concédenllos, mentres que na Estrada non somos capaces de competir con eles”. Considera que “por este tipo de cousas os veciños e veciñas da Estrada marchan a outros Concellos, onde si existen servizos e programas públicos á altura”.

O voceiro apuntou a que “co proxecto de Obradoiro Dual e co proxecto de Obradoiro Xuvenil poderían estar facendo traballos para o Concello 36 persoas, que se di pronto”. Ademais diso destacou que “os obradoiros permiten que esas 36 persoas abandonen o paro durante 12 meses, saian do programa cun título de capacitación profesional e melloren a súa empregabilidade para as empresas da Estrada”.

Valora que é “inexplicable” que ao PP non se lle ocorra ningún proxecto que executar con esta subvención e pon a disposición aos concelleiros do PSOE para “darlle ao PP todas as ideas que queiran, parécenos importante que na Estrada haxa Obradoiros”. Nese sentido, valorou que na Estrada se poderían facer “moreas de proxectos” como recuperación de espazos rurais e urbanos, acondicionamento de edificios públicos, mellora de parques e xardíns en todo o Concello… “”.

López Bueno non comparte a postura do PP e indicou que “xa en anos pasados lle solicitamos ao PP que pida estas subvencións”, e con máis motivo cando “tampouco solicita os Programas Integrados de Emprego que se viñan ofrecendo tamén con financiamento da Xunta”. Tamén considera que é “indecente” que no goberno municipal ningún dos concelleiros teña que asumir responsabilidades por perder este tipo de subvencións que axudarían a tantos veciños e veciñas. “Sabemos que o PP da Estrada aposta por outro tipo de políticas de colocación, pero o goberno municipal debería pedir estes programas que apenas consumen recursos municipais e valen para todos, non só para persoas con carné ou con pedigrí”, manifestou.

Esta entrada ha sido publicada en Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.