O PSOE BOTA EN FALTA SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS ACTUAIS DO POLÍGONO DE TOEDO

López Bueno augura que “o prazo de 2026 que se marcou Gonzalo é imposible de cumprir”. Valora que “o prezo do metro cadrado será decisivo para atraer investimento
e non se aclarou nada disto”. Considera preocupante que “non haxa nin unha palabra
sobre os problemas actuais do polígono”.
O PSOE da Estrada valorou positivamente a xuntanza entre o Concello, Xestur e a
empresa redactora do Plan porque “convén dar pasos cara a ampliación do Polígono de
Toedo” pero consideran “pouco realistas” os prazos que se marca o propio alcalde para
comezar a execución das obras en 2026.
Luis López Bueno pide “seriedade e cautela” á hora de fixar un horizonte temporal
porque “o Goberno debe ser crible diante das empresas locais e das que estean
interesadas en investir na Estrada”. Entende que os prazos de dispoñibilidade do solo
ampliado son importantes pero “será decisivo o prezo que terá ese solo. Agora mesmo
Xestur está propoñendo prezos inasumibles, no entorno dos 100 euros/metro cadrado.
Con eses prezos non haberá ningún interesado en adquirir terreos”.
O líder socialista considera que ademais da ampliación, Gonzalo debería preocuparse
polos problemas que o Polígono actual arrastra dende hai anos, tanto na parte pública
como na privada.
Puxo exemplos como o grandísimo problema da subministración eléctrica na parte
privada, que está provocando que as empresas ou ben teñan que enredar con trámites
e facer investimentos de decenas de milleiros de euros, ou ben renuncien a facer
inversións nel. López Bueno trasládalle a responsabilidade ao Concello porque este
problema debe ter resposta municipal “como aconteceu en Valga, onde Extrugasa,
Concello e Xunta teñen en construción unha subestación eléctrica de 6620Kv con máis
dun millón de euros de investimento”.
Ademais, López Bueno considera “fundamental” que se dote ao polígono actual dunha
saída cara Pontevedra-Vigo que estea adaptada para o transporte pesado. “Hai que
adaptar o polígono ás novidades do transporte, e na Estrada non podemos recibir
grandes industrias por non estar adaptados”. Puxo como exemplo os “conxuntos
euromodulares” que poden chegar a 72 toneladas de peso e 32 metros de longo “que
xa circulan nos polos industriais porque é o futuro”.
López Bueno valora que “estes problemas son un lastre para a competitividade da
Estrada” e explica que para resolvelos hai que ter unha política industrial definida, non
se solucionan dando paus de cego como fai este Goberno.

Esta entrada ha sido publicada en Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.