FESTA DO MAIOR

O PSOE da Estrada lamentou que a Festa do Maior deste 2025 a vaia organizar unha
empresa con sede en Madrid: “Catering Spain Corporate Services SL”. O líder socialista,
Luis López Bueno, manifestou o seu descontento por darlle traballo ás empresas de fóra
en vez de ás empresas de aquí e culpou directamente a Gonzalo Louzao por tomar
decisións en contra do tecido empresarial da Estrada.
López Bueno considera que hai fórmulas abertas dentro da legalidade para que a
organización deste evento recaia nas empresas da Estrada, como aconteceu nos anos
que leva organizándose. Advertiu de que ata este momento contábase co consenso de
todos os Grupos Políticos. Explicou que Gonzalo Louzao decidiu romper a baralla este
ano para que traballen os de fóra.
Indicou que, ata agora, ningún grupo político dixo nada ao respecto porque entendemos
que este tipo de servizos deben xerar negocio na Estrada e deberían irse rotando entre
as empresas do sector. Considera que os procedementos de contratación do Concello
están perxudicando claramente ás empresas da Estrada, que ademais de non cobrar en
tempo e forma, están perdendo ao Concello como cliente en todos os ámbitos.
Neste caso, López Bueno explicou que nin no prego técnico nin no prego administrativo
había nin unha mísera cláusula de mellora que beneficiara ás empresas locais en
detrimento das de fóra. Só buscaron o prezo máis barato, non tiveron en conta a
necesidade de que os cartos serviran para dar emprego na Estrada, nin que os cartos
quedaran no circuíto da economía local.
Ademais contrapuxo esta decisión de Gonzalo Louzao a outras contratacións misteriosas
como a da Consultora dos Fondos europeos. Explicou que nese contrato menor pasaron
cousas que son polo menos moi sorprendentes, como que a empresa que levou o
contrato licitou polo importe exacto (14.950 euros) mentres unha oferta nin sequera
presentou orzamento e a outra superou o límite máximo. Indicou que son cousas moi
raras, todos sabemos o que pasou pero lamentablemente non hai como demostralo.
Tamén lle recriminou a Gonzalo Louzao que con isto decidiu ir a unha licitación pero hai
outros aprovisionamentos, servizos e obras que non saen a contratación pública.
López Bueno valorou que tomando este tipo de decisións é normal que A Estrada vaia
cada día un pouquiño peor e agardou que oxalá o pulpo madrileño sexa capaz de
competir co que facemos aquí.

Esta entrada fue publicada en Candidatura. Guarda el enlace permanente.