LIQUIDACIÓN ORZAMENTOS 2024

O PSOE da Estrada fixo unha valoración da rolda de prensa ofrecida por Alberto Blanco
para detallar o resultado da liquidación do orzamento de 2024. Celebrou que o
concelleiro de facenda retomara as súas roldas de prensa pero “botamos en falta as
súas explicacións cando case nos leva á ruína polas súas malas decisións sobre a
financiación das luminarias”.
O líder socialista, Luis López Bueno, advertiu de que o Concelleiro de Facenda
“maquillou” as cifras de Remanente porque “non dixo nada sobre os 1,5 millóns de
euros en facturas sen pagar e que non se descontaron do remanente”.
En calquera caso, López Bueno considera que “se no ano 2024 non fixeches
absolutamente nada, o normal é que teñas remanente”. Bueno apoia esta afirmación
en dous eixos chave, o incremento dos ingresos e o descenso alarmante das
inversións.
López Bueno recordou que a recadación “continúa aumentando polas subas de
impostos deste goberno”. Sen ir máis lonxe, materializouse a suba do IBI que chegou á
recadación récord de 3,5 millóns de euros pola suba dos recibos aprobada polo PP.
Tamén advertiu de que “esta tendencia de subas continuará porque xa está anunciado
un taxazo no servizo de recollida de lixo para 2026, en contra do que afirmou o propio
alcalde en outubro do ano pasado”.
Ademais, o voceiro socialista destacou o descenso alarmante no capítulo de inversións,
que pasou de 7,8 millóns en 2023 a só 4,7 no 2024. Este descenso do 40 % explícase
porque “Gonzalo Louzao non fixo absolutamente nada no ano que leva gobernando,
logo é normal que teñas remanente se subiches impostos e non resolviches ningún dos
problemas que enfronta o Concello”.
O gasto en asfaltados é un grandísimo exemplo do “paralizados” que se atopan
Gonzalo Louzao e o seu goberno, “asfaltáronse 8 pistas con cargo ao orzamento do
2024, o alcalde que presumía de priorizar as parroquias só investiu nelas 250.000
euros”. Advertiu de que “o orzamento está para executalo e este goberno non ten
termo medio, ou gasta o que non ten como xa aconteceu, ou pecha o grifo e deixa os
cartos nos caixóns mentres se negan a resolverlle os problemas aos veciños e veciñas”.
Iso si, para poñerse nas fotos e contratar xefes de prensa de 43.000 euros non hai
problemas económicos nin de vontade política. As prioridades de Gonzalo Louzao non
pasan polos retos que debemos enfrontar como Concello nin polas necesidades dos
veciños e veciñas.
Sobre a débeda, tamén pon en dúbida os datos porque “nesa conta non aparecen os 3
millóns de euros que lle deben aos traballadores” e explicou que “mentres non se
pague, continuará incrementándose”. Recordou que “hai un ano o PP dicía que esa
débeda non existía e lamentablemente tiveron que explicarllo no Tribunal Supremo”.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.