FONDOS EUROPEOS

Dende o Partido Socialista de A Estrada, resulta indignante ver como o goberno local,
dirixido polo Partido Popular de Gonzalo Louzao, está a demostrar unha preocupante
falta de ambición e sentido común na xestión dos fondos europeos. A proposta que
presentaron é insuficiente e, peor aínda, reflicte unha total desconexión coas
necesidades reais da cidadanía. Mentres o noso concello ten oportunidades clave para
modernizarse e mellorar a calidade de vida da veciñanza, o PP prefire poñer o foco na
súa imaxe en lugar de en proxectos que transformen A Estrada.
Non hai outra forma de explicalo: o goberno local pide só 10 millóns de euros dos 15
millóns dispoñibles en fondos europeos. Por que? Porque carecen da ambición, da
capacidade e do compromiso necesario para levar adiante proxectos transformadores.
Esta decisión limita drasticamente o que poderiamos facer en termos de infraestruturas
e servizos. Quedan fóra proxectos fundamentais como a reforma do Centro de Saúde da
Avenida de Santiago e a implantación de fibra óptica nas zonas rurais como propuxemos
dende o PSOE. Mentres noutros lugares estes fondos están a ser utilizados para mellorar
a vida das persoas, aquí o goberno local prefire quedarse a medias.
O que resulta aínda máis grave é que os proxectos que se inclúen na súa proposta non
van ter un impacto real nin para o presente nin para o futuro de A Estrada. A construción
dun novo edificio de servizos sociais, por exemplo, inclúe só tres despachos e só reubica
o Centro de Atención Temperá, cando a parcela ten capacidade para moito máis.
Podería adquirirse o almacén de Chao, xuntar 1.400 metros cadrados edificables e así
aproveitar as 6 alturas que poden construírse alí. Sería un edificio de vivenda pública
estupendo.
Cales son as prioridades do goberno? Que dicir da rehabilitación da Casa da Música? Un
proxecto necesario, si, pero non podemos esquecer que o seu deterioro é consecuencia
directa do abandono por parte do propio PP, que non investiu nin un só euro no seu
mantemento durante anos.
A realidade é que, para o goberno local, o mantemento das infraestruturas non é unha
prioridade. Temos exemplos claros, como a Praia Fluvial de Liñares, que tras tres anos
de inaugurarse quedou abandonada sen o máis mínimo mantemento. Proxectos que
deberan ser espazos de uso público e orgullo para a cidadanía como a Praza da Feira ou
a Alameda, acaban sendo mostras do fracaso dunha xestión que só busca o impacto
visual a curto prazo, sen preocupación polo futuro.
E todo isto mentres o PP inviste en algo que parece ser a súa verdadeira prioridade: a
propaganda. Contratan un xefe de prensa por 43.000 euros ao ano, unha cifra
desorbitada que podería destinarse a mellorar servizos públicos ou a garantir o
mantemento das infraestruturas. O goberno local está máis preocupado por vender
unha boa imaxe nas redes sociais e nos medios que por resolver os problemas reais da
xente. Este goberno prefire investir en propaganda antes que en proxectos que fagan
de A Estrada un lugar mellor para vivir.

Ademais, as nosas propostas de proxectos estratéxicos foron directamente ignoradas.
Propuxemos a reforma do antigo Centro de Saúde para convertelo nun referente de
servizos sociais a nivel galego. Temos a confirmación da Dirección Xeral de Fondos
Europeos de que era posible ter a cesión do edificio e financiar a reforma con eles. Nese
edificio poderíanse ampliar os horarios e as prazas do Centro de Día, do Espazo Concilia,
do Centro de Atención Temperá e incluso implantar novos programas como atención á
saúde mental, unidade de mellora de mobilidade física ou Punto de Encontro Familiar.
Ademais revitalizaríase unha zona do casco urbano que está en claro retroceso social e
económico. E que fixo o goberno local? Ignorar estas propostas, que beneficiarían de
maneira directa a veciñanza, priorizando proxectos sen impacto nin visión de futuro.
A falta de transparencia é outro problema grave. O goberno local toma decisións sen
consultar nin coa cidadanía nin coa oposición. Están a xestionar ás présas e correndo
estes fondos europeos sen diálogo nin participación, o que atenta directamente contra
a democracia. O Concello ten recursos suficientes para asumir a parte local dos 15
millóns de euros que poderiamos solicitar. Non hai que esquecer que o PP está en
máximo histórico de recadación: Subiu o IBI un 25 %, subiu as taxas, aplicará máis subas
no 2026 e ademais recibe 1 millón de euros extra pola Participación nos Ingresos do
Estado. E aínda así, o PP prefire escatimar en proxectos transformadores.
En definitiva, estamos ante un goberno que carece de ambición, fuxe da transparencia
e non ten compromiso coas verdadeiras necesidades do noso concello. Gonzalo Louzao
está a hipotecar o futuro de A Estrada por unha cuestión de imaxe e propaganda.
Mentres o noso concello ten unha oportunidade histórica para mellorar, o PP prefire
poñer o foco en si mesmos en lugar de na xente. Non podemos permitir que estea nas
súas mans seguir tomando decisións curtas de miras que prexudican o futuro de A
Estrada.

Esta entrada ha sido publicada en estrada, Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.