O PSOE DA ESTRADA PROPÓN A SOLICITUDE DOS OBRADOIROS DE EMPREGO PARA REALIZAR TAREFAS NAS ZONAS VERDES E NAS PARROQUIAS

Luis López Bueno recoméndalle ao goberno municipal que solicite o obradoiro xuvenil e
o ordinario para “ter o máximo número de alumnos-traballadores”.
O PSOE da Estrada referiuse á necesidade de solicitar os obradoiros de emprego para
que “os alumnos traballadores desenvolvan traballo para o mantemento de zonas
verdes do Concello e fagan acondicionamento nas parroquias”.
Luis López Bueno instou ao goberno municipal a que soliciten tanto a liña xuvenil como
o obradoiro ordinario “para poder empregar ata 36 alumnos-traballadores e superar o
millón de euros de financiamento”. Apoia esta postura en que “nos últimos anos o PP
privou á Estrada de calquera tipo de política de emprego ao non solicitalos sequera” e
celebrou o cambio de posición do PP: “afortunadamente, as nosas propostas acaban
executándose porque son boas para A Estrada”.
O líder socialista considera que “hai milleiros de actuacións que se poderían facer con
esta ferramenta” e indicou que a aposta dos socialistas sobre eses obradoiros “vai na
liña de solicitar formación forestal e algunha outra do ámbito da construción que
permita facer pequenas actuacións no rural”. Indicou que “formar traballadores deses
ámbitos é necesario porque falta man de obra, é unha queixa recorrente das empresas”.
Instou ao alcalde a que “use a capacidade dos alcaldes e alcaldesas de barrio e vaia
facendo unha recopilación de pequenas actuacións no rural” para ter claro un mapa de
necesidades no que encaixar os proxectos dos obradoiros e calibrar “cantas actuacións
se poden realizar, cales van ser e onde se van executar”.
Entre as necesidades comúns a moitas parroquias, o líder socialista subliñou as
necesidades de canalizacións de pluviais en moitos núcleos de poboación, mantemento
xeral de zonas verdes tanto na vila como nas parroquias e obras de mantemento no
entorno de escolas unitarias.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.