Luis López Bueno recórdalle ao alcalde que “a Xunta prometeu no 2023 que a ampliación
de Toedo xa tería naves e industrias asentadas no 2025”. Valorou que “No polígono
actual non hai nin electricidade para funcionar con normalidade, son situacións
indecentes”
O PSOE da Estrada manifestouse sobre a anunciada ampliación do Polígono Industrial
de Toedo para destacar que a Xunta de Galicia volve incumprir os prazos que eles
mesmos se marcan e criticou que para o actual alcalde “a industria non sexa unha
prioridade”.
Luis López Bueno recordou que no mes de novembro de 2023 a Xunta de Galicia
anunciara “a bombo e platillo” que en 2025 xa habería naves e industria na ampliación,
pero nada máis lonxe da realidade “xa estamos en 2025 e nin sequera se talaron as
árbores das parcelas afectadas”.
O voceiro socialista indicou que “a Xunta leva máis de 15 anos incumprindo
sistematicamente coa Estrada” e tachou de “fundamental” a ampliación de solo
industrial porque “hai moitos anos que o terreo dispoñible non permite que medre a
nosa industria nin que veñan inversións para crear novos postos de traballo”.
Nese sentido destacou que “no actual polígono non hai nin sequera electricidade para
que as empresas funcionen con normalidade, é un drama absoluto ao que non se lle dá
ningunha resposta a pesar das solicitudes do Grupo Municipal Socialista. Hai empresas
en situacións absolutamente indecentes e iso é un risco para a nosa industria”. Explicou
que “levamos anos reclamando melloras dos servizos no polígono e estamos sós nesta
reivindicación”.
O líder socialista considera que “o silencio de Gonzalo Louzao sobre este asunto
demostra que ten tempo para ocorrencias e verbenas varias, pero non o ten para o
verdadeiramente importante”. Ademais, considera que “non hai ningún traballo do
goberno” para darlle facilidades ás empresas e conseguir inversións produtivas na
Estrada. “Está claro que se non as buscas, non van entrar pola porta empresas con
proxectos millonarios para traer á Estrada. Hai que competir por traelos e eu non creo
nas milagres, creo no traballo”.
Entre 2012 e 2024 A Estrada perdeu 204 empresas, 18 delas da rama industrial. Ademais,
entre os principais municipios de Galicia, só A Estrada (-1,4%), Ponteareas(-1,9%), Ferrol
(-9,7 %) e Lalín (-10,9 %) perderon traballadores/as nos últimos 20 anos. En exemplos
próximos a nós, Silleda aumentou a afiliación á Seguridade Social nas súas empresas en
644 traballadores e traballadoras (+21 %), na media dos grandes concellos. “Mentres
case todos medran un 20 %, na Estrada decrecemos. É un novo exemplo de que con este
goberno, A Estrada vai cada día un pouquiño peor”, apuntou López Bueno.
-
Atópanos
Dirección:
Prolongación rúa Alfonso Rodríguez Castelao, Nº 16 Baixo
36680 Estrada, A (Pontevedra)Teléfono:
+34 986 571 991Correo-e:
psdgpsoe.aestrada@gmail.com-