O líder socialista pídelle a Louzao que “deixe de enredar” e que marque unha postura.
Confirma que é posible incluír o proxecto nos Fondos Europeos ETI “aínda que Gonzalo
Louzao non o saiba”.
O PSOE da Estrada pediulle ao goberno do PP que “deixe de enredar e sexa claro dunha
vez co Centro de Saúde antigo” e que marque cal é a súa postura dunha vez “ou non
recuperalo como dixeron en decembro ou recuperalo”. Luis López Bueno considera que
as declaracións sobre a posible compra e demolición do edificio son “unha nova forma
de darlle voltas a este asunto”.
Recordou que no pleno do mes de decembro foi o propio Gonzalo Louzao quen dixo que
o edificio é “un morto”. “A miña interpretación é que a postura do PP non cambiou nada.
Non se van facer co edificio de ningunha maneira” indicou Bueno.
A esta afirmación, López Bueno respondeu que “é un morto se non tes un proxecto para
esa instalación, pero afortunadamente o PSOE da Estrada si que temos claro que o
queremos para unhas novas instalacións para todos os programas de Servizos Sociais en
vez de desaproveitar toda edificabilidade da parcela do INEM para facer unhas poucas
oficinas novas”.
Ademais, considera que as declaracións de Gonzalo Louzao “volven a rozar o ridículo”
porque “continúa empeñado en que a cesión non permite financiamento para a
reforma” e “sabe perfectamente que eu mesmo teño resposta da Dirección Xeral de
Fondos Europeos de que é perfectamente posible incluír un proxecto para o Centro de
Saúde nos próximos fondos ETI. O Señor Louzao debería facer mellor o seu traballo, que
lle estamos pagando un salario estratosférico para o desempeño que está tendo”.
López Bueno tamén instou ao alcalde a que busque conveniar financiamento coa Xunta
para mercar ou reformar o edificio porque “se no Concello de Marín houbo un convenio
para a Casa do Mar (propiedade do Ministerio cedida ao Concello) aquí tamén ten que
ser posible”.
En calquera caso, López Bueno agardará a “novos capítulos desta telenovela” e recorda
que “no 2023 o PP prometera servizos sociais no Centro de Saúde antigo, pero non
parece que se vaian unir ao que nós levamos dicindo os últimos 6 anos”.
Así, López Bueno lamentou que “sexamos o único partido que temos claro o que
queremos e como hai que facelo mentres outros están deixando que se deprima unha
zona importante do casco urbano e o edificio se deteriore cada vez máis”.
-
Atópanos
Dirección:
Prolongación rúa Alfonso Rodríguez Castelao, Nº 16 Baixo
36680 Estrada, A (Pontevedra)Teléfono:
+34 986 571 991Correo-e:
psdgpsoe.aestrada@gmail.com-