Luis López Bueno advertiuno en diversos plenos. Gonzalo Louzao chegou a garantir que
non se subiría a taxa. Culpa ao goberno de non asumir as propostas de aforro feitas polo
PSOE.
O PSOE da Estrada tachou de “mentiroso compulsivo” ao goberno de Gonzalo Louzao
polo anuncio dunha suba da taxa do lixo no ano 2026. Luis López Bueno viña advertindo
desta posibilidade dende o mes de outubro a pesar da insistencia de Gonzalo Louzao en
negalo, chegando a garantir no pleno do día 3 de outubro que “a taxa non se vai subir”.
Nada máis lonxe da realidade, o goberno anunciou a semana pasada unha suba para o
ano 2026 que López Bueno valora como “o resultado natural cando hai un goberno de
incompetentes que non fixeron nada por aforrar na prestación do servizo”.
López Bueno recordou que o Grupo Municipal Socialista propuxo medidas de aforro en
numerosas ocasións, como acollerse ao extinto Plan Revitaliza da Deputación de
Pontevedra para dotar ao casco urbano dunha rede de composteiros comunitarios “que
se instalarían e manterían gratis, e que permitirían aforrar en torno ao 30% das
toneladas que se envían á planta de SOGAMA”.
O líder socialista valorou que esta medida suporía un aforro de en torno a 800.000 euros
dende 2019 a 2024 no pago do canon de SOGAMA, e calcula que a partir de 2025 o
aforro chegaría a 186.000 euros ao ano “que teremos que pagar porque o PP non fixo
caso”.
Bueno lamentou que o grupo de goberno fora “incapaz” de poñer en marcha ningunha
medida e que agora “este goberno tire polo único camiño que coñece, que é facerlle
pagar aos veciños e veciñas a súa mala xestión dos servizos públicos”.
O voceiro socialista indicou que “carecemos de información sobre o que pretende facer
o PP co novo contrato do lixo e de como pretende organizalo” igual que “non avanzaron
nada sobre unha hipotética modificación da ordenanza da taxa”.
Coa “pouca información que manexamos” López Bueno considera que “na actual
ordenanza hai mecanismos para axustarse á nova normativa europea” e aposta por
“utilizar un sistema como o que temos, con taxas diferenciadas para veciños e veciñas,
comercio e hostalaría e industria”. Advertiu de que “hai apostas máis modernas, pero
(como a utilización de contenedores intelixentes con tarxeta identificativa) pero con
este Grupo de goberno, na Estrada ían tardar pouco en deixar de funcionar, igual que os
letreiros dos aparcamentos”.
Convidou ao goberno municipal a sentarse cos grupos da oposición e atopar unha
proposta “sensata”, que mellore o servizo de recollida selectiva, amplíe frecuencias e
rede de contenedores nas parroquias, e que sexa “operativa para todos”.
-
Atópanos
Dirección:
Prolongación rúa Alfonso Rodríguez Castelao, Nº 16 Baixo
36680 Estrada, A (Pontevedra)Teléfono:
+34 986 571 991Correo-e:
psdgpsoe.aestrada@gmail.com-