López Bueno califica de “ridícula” a partida para inversións, na que dos 403.000 euros,
200.000 vanos pagar directamente os veciños e veciñas de Tabeirós e Nigoi polas
acometidas da traída. Acusa ao alcalde de mentir porque “o rueiro fiscal incrementou as
taxas hai apenas un mes”.
O PSOE valorou o proxecto de orzamento para o ano 2025 e considera que “non se
resolve ningún problema, continúa escalando o gasto corrente e contén unha partida de inversións ridícula, a menor da historia da Estrada”.
O líder socialista, Luis López Bueno, afirma que estes orzamentos non melloran en nada os servizos básicos e recortan partidas como promoción económica e comercio (-14.000
euros), agro (-13.000 euros), recollida de lixo (-600.000 euros), investimentos (-125.000
euros) e incrementa gastos en alumeado público (+450.000 euros) a pesar das promesas
do PP de reducir o gasto enerxético.
López Bueno acusou a Gonzalo Louzao de “mentir descaradamente” porque “este
orzamento mantén a suba do 25% no IBI e ademais hai apenas un mes que se
incrementaron taxas co novo rueiro fiscal que aprobou o PP”. Polo tanto, “a presión
fiscal aumenta e non é discutible, o Concello incrementa ingresos a conta dos veciños e
veciñas. Os datos non son contestables, no 2023 prevíanse ingresos de 7,4 millóns de
euros por impostos e taxas, no 2024 eran 8,1 millóns e no 2025 prevense 8,5. O medible
non é opinable e non está ben mentir en público”.
Por capítulos, López Bueno valorou que o incremento de gasto en servizos sociais
responde ao novo contrato do SAF que non incrementa nin unha soa hora de prestación
para os veciños e veciñas, “polo tanto non hai mellora do servizo”. Recordou que o PP
prometera que a licitación aforraría gasto e demostrouse que iso era “rotundamente
falso, como xa advertiramos” e vaticinou que “se sae adiante o contrato do lixo pasará
exactamente o mesmo, pagaremos moito máis a pesar de que o PP dixo que se
aforrarían recursos”.
Sobre as partidas para recollida de lixo, López Bueno dise “perplexo” co descenso de
gasto en 600.000 euros. Advirte de que esa cifra “é irreal” e apuntou a que o PP “foi
incapaz de xustificala na comisión informativa”. Ademais, valora que “por poñer un
exemplo, prevese un canon a SOGAMA de 420.000 euros, igual que o ano pasado, pero
coa diferenza de que hai unha suba que poñerá o gasto no entorno de 560.000-590.000
euros”.
Calificou as partidas de investimento como “ridículas” e “a máis baixa da historia da
Estrada”. A redución de 125.000 respecto do orzamento anterior demostra que este
goberno é incapaz de executar obras con recursos propios. Ademais, dos 403.000 euros previstos “hai 200.000 que van pagar directamente os veciños e veciñas de Tabeirós e
Nigoi polas acometidas para conectarse á traída”.
López Bueno tamén se referiu ao incremento de partidas de persoal para asumir os
atrasos aos traballadores e traballadoras. Destacou que “o tempo dá e quita razóns” e
“como en moitas outras ocasións, o PP volveu errar”. A inclusión de partidas para
atrasos no orzamento “recoñece que se lle deben aos traballadores e traballadoras 2,5
millóns de euros polo menos” e acusa ao goberno de que “negárono por activa e por
pasiva pero agora non lles queda máis remedio que cumprir coas sentenzas xudiciais”.
Tamén criticou que o goberno se buscara el soíño unha débeda cos traballadores e
traballadoras “pero aquí non pasa nada, ninguén asume as responsabilidades políticas”.
O voceiro socialista destacou tamén o descenso en partidas de promoción económica,
comercio, agricultura e gandería (-27.000 euros). Destacou a “escasa preocupación” por
estas áreas, destacando que “non se prevé ningunha inversión para o Polígono de
Toedo, que continúa con deficiencias graves nos servizos básicos para a industria, nin
hai iniciativas novas para o comercio”.
Sobre as “novas” liñas de subvencións destacou que “este goberno pretende vender
como novo o que xa se facía antes”, como colaborar coas parroquias na programación
e as actividades. A xuízo do voceiro socialista “a idea do goberno é de 500 ata 3000 euros
por parroquia, pero non aclaran a que entidades se lle van asignar os recursos, porque
hai parroquias con varias asociacións que poderían presentar un plan de actividades
culturais”.
Ademais de ser “uns orzamentos que prevén un ano perdido en temas importantes”
López Bueno destacou que o PP “negouse a aceptar propostas e non quixo incluír no
orzamento nin o bono de natalidade, nin unha campaña para o comercio local, nin
fondos para política de vivenda”.