Os técnicos e a Dirección Xeral de Fondos Europeos confirmaron que a recuperación do
Centro de Saúde da Avenida de Santiago e a extensión da rede de fibra no rural son
perfectamente viables nesta convocatoria, desautorizando a Gonzalo Louzao.
O PSOE da Estrada acudiu na tarde do luns á Mesa de Mobilidade convocada despois da
petición pública deste Grupo Municipal para comezar o debate sobre os proxectos a
financiar cos fondos ETI que se convocarán nas vindeiras semanas.
Luis López Bueno saíu da reunión con sabor “agridoce” xa que “os técnicos e a Dirección
Xeral de Fondos Europeos confirmaron que as propostas sobre o centro de saúde
antigo e sobre a extensión da rede de fibra no rural son perfectamente viables, pero
dá a impresión de que o PP xa decidiu o que vai facer e moito me temo que tirará cara
adiante só co que eles propoñen”. A xuízo de López Bueno, esa confirmación “volve a
deixar en evidencia a Gonzalo, que manifestou que eses proxectos non eran posibles”.
López Bueno manifestou que “o novo edificio proposto non é o máis axeitado” xa que o
proxecto que baralla Gonzalo “non aproveita a edificabilidade máxima do solar (6
alturas) e só propón construír oficinas para os traballadores e traballadoras do servizo e
dotar de espazos novos unicamente ao Servizo de Atención Temperá”.
O voceiro socialista afirma “ter a sensación máis que fundada” de que “a decisión de
Gonzalo é non recuperar o Centro de Saúde da Avenida de Santiago aínda que sexa o
edificio ideal para acoller todos os programas de servizos sociais, que permite ampliar
as prazas, horarios e servizos e ademais recuperar dende o punto de vista social e
económico unha zona do casco urbano”.
López Bueno tamén pon sobre a mesa o custo de oportunidade que terá esta decisión:
“Temos un edificio baleiro de 2.600 metros cadrados que camiña imparable cara a ruína
técnica e Gonzalo propón desaproveitar a parcela do INEM que sería estupenda para a
outro tipo de proxectos. Desaproveitar así esa parcela é unha idea completamente
estúpida, non ten outro nome. Se vas construír alí que sexa un edificio ambicioso”.
Afondou na idea de que “desgraciadamente temos un alcalde cun liderado precario e
claramente manipulable porque este goberno cambiou de postura tres veces no último
ano: ao principio coincidían con nós en recuperar o Centro de saúde antigo, despois
especulaban co edificio do Xulgado 1 e agora van construír un dende cero”.
López Bueno tamén valorou que o proxecto que se manexa para o rural “é necesario,
pero hai cousas máis importantes que resolver”. O socialista entende que “a necesidade
de conectar o rural con fibra óptica é absolutamente prioritaria se queremos unhas
parroquias vivas que atraian actividade económica e veciños e veciñas” porque ademais “levamos anos perdendo veciños e veciñas que marchan a ás parroquias de Concellos
veciños como Vedra e Silleda porque alí hai servizos fundamentais que na Estrada non
temos”.
O socialista comprende que “facer beirarrúas e cunetas é positivo” pero destacou que
“para que pase xente por esas beirarrúas, o primeiro é ter unhas parroquias
competitivas nas que se asente poboación”. López Bueno aposta por unha actuación
“transformadora de verdade no rural” e prefire deixar en segundo rango de prioridade
“destinar millóns de euros a unhas cunetas que despois serán incapaces de manter”.
Sobre a reforma da Casa da Música, López Bueno non entra a debate xa que “todos
sabemos que necesita unha actualización importante”.