O PSOE DA ESTRADA PRESENTA EMENDAS AO ORZAMENTO DA XUNTA POR 15.285.000 EUROS

Melloras na seguridade viaria das estradas PO-213, PO-214 e PO-841 centran os
investimentos que se reclaman. Piden investimentos en xestión da auga, política social
e sanitaria, así como melloras no Polígono de Toedo e o Centro de Mazá e Oliva.

O PSOE da Estrada presentou as emendas que lle trasladou ao Grupo Parlamentario
Socialista para completar o orzamento que a Xunta de Galicia que se atopa agora
mesmo en trámite parlamentario. Luis López Bueno explicou que “as nosas emendas
céntranse na seguridade viaria das estradas da Xunta de Galicia, xestión da auga e
proxectos para política social e melloras para a industria”.

Melloras na rede viaria da Xunta de Galicia
López Bueno pide 12,9 millóns de euros para melloras nos viais PO2013, PO-214 E PO-841. O líder socialista valora estas carreteras como “das peores que ten a Xunta en todo Galicia” e entende que “é o momento de facerlles actuacións importantes”.

Sobre a PO-213 reclama a execución completa do proxecto de mellora porque “o PSOE
presentamos unha iniciativa parlamentaria no Hórreo que foi votada a favor polo PP,
logo non tería moito sentido que votasen a favor e despois non consignen orzamento
para facer os traballos, que é o que está pasando neste momento”.

López Bueno recordou que este 2024 “reclamámoslle á Xunta un estudo de mellora da
seguridade viaria na PO-841” e advertiu de que “cada 15 días hai un accidente nesa
estrada” polo que está “máis que xustificado” mellorar a seguridade nos numerosos
cruces que existen e nos puntos máis sensibles aos accidentes.

Xestión da auga
Os socialistas reclaman na súa emenda 1,35 millóns de euros para a ampliación de
capacidade da EDAR de Aguións. Recordan que esa estación está deseñada para
10.000 habitantes e leva anos “ao bordo do colapso”. Esta dotación orzamentaria tería
que permitir acometer as melloras “das que a Xunta ten constancia a través dun
informe de Viaqua”.

Unha reixa de grosos automática, novo decantador secundario, sistema de eliminación
de fósforo e un silo de almacenamento de fangos son as actuacións que reclaman os
socialistas. (1.250.000 euros).

Ademais tamén se solicitan 100.000 euros para que se acometa un estudo sobre
estado e melloras necesarias na rede de abastecemento de auga no casco urbano.
López Bueno indicou que “non son raras as roturas da rede de abastecemento e ademais é unha actuación que se está pospoñendo no tempo e que haberá queacometer máis tarde ou máis cedo”.

Vivenda pública e melloras en política social
López Bueno explicou que “a construción de vivenda pública na Estrada ten que
quedar encamiñada neste 2025” e por iso “queremos unha partida orzamentaria con
nome e apelidos para A Estrada”. O líder socialista considera que “hai que comezar por
vivendas para arrendamento” e nun momento posterior “ampliar a aposta a VPA”. Os
socialistas reclaman 60.000 euros para os deseños de proxecto e inclúen gasto previsto
por 6.000.000 euros no 2026 e 2027.

Nesa mesma liña presentan outras dúas propostas como a redacción dun proxecto
para construír unha nova residencia pública da terceira idade que axude á Estrada a
situar o número de prazas dispoñibles “no entorno do recomendado pola OMS, 5 por
cada 100 habitantes maiores de 65 anos. Agora mesmo estamos en 2,5 prazas, a
metade do necesario”.

Tamén solicitan 250.000 euros para a ampliación do Centro de Saúde da Estrada coa
finalidade de dotar instalacións para un Servizo de Diálese no futuro. Ese servizo
debería atender aos veciños e veciñas da Estrada e arredores que están acudindo a
Santiago de Compostela a dializarse. “Esta actuación descargaría o servizo en Santiago,
que está saturado”. Neste sentido, o líder socialista advirte de que “A Estrada non é
menos ca Lalín” e por iso “non queremos ter máis servizos ca os nosos concellos
veciños, pero tampouco menos”.

Política económica
Os socialistas pediron melloras no abastecemento eléctrico do polígono industrial de
Toedo por valor de 600.000 euros e desta maneira “atender unha das peticións que
teñen as empresas asentadas nese polígono”. López Bueno advertiu de que “se non se
cumpre cun mínimo de servizos, A Estrada vai telo complicado incluso para manter a
industria actual”.

Tamén reclaman a redacción do proxecto de Centro de apoio/innovación da Mazá e
Oliva. Consideran que “temos potencial por desenvolver neses ámbitos” e polo tanto
“a Consellería do Medio Rural debería cumprir as promesas que veu facerlle aos
produtores” e que “quedaron nunha foto e máis nada, como adoita pasar con este
goberno do PP”.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.