O líder socialista agarda “aínda máis investimentos” porque “aínda queda moito firme
por repoñer”.
O PSOE da Estrada valorou como “insuficientes” as recentes actuacións de reposición do
firme en algúns tramos da N-640. Luis López Bueno considera que “é certo que se
resolveron algúns problemas, pero aínda queda moito firme por repoñer”.
O líder socialista agarda que neste ano se produzan aínda máis investimentos porque
quedaron “bastantes tramos” sen resolver. Manifestou que “é a principal vía de
comunicación que ten A Estrada e debemos esixir as inversións que merece”. Avanzou
que Abel Losada, subdelegado do Goberno, está ocupado neste asunto e que “así nolo
fixo saber na Sala de xuntas do Concello”.
Ademais, López Bueno reitera a súa preocupación pola seguridade viaria no casco
urbano, en Liñares e no cruce do Sol, que son puntos conflitivos onde “non é raro ver
atropelos ou colisións de vehículos”. Indicou que o Ministerio está “perfectamente
advertido” do risco que hai nesas zonas e hai solucións propostas polo Grupo Municipal Socialista hai varios anos, e incluso informes da Policía Local.
López Bueno chama aos partidos políticos da Estrada a “manter a unidade” en torno á
N-640 porque o máis acertado é que todos pidamos as melloras en conxunto como xa
se fixo no Pleno, mirando polo interese común de todos.
O voceiro socialista tamén reclamou no Pleno pasado a reposición da sinalización
danada nas parroquias e no casco urbano. López Bueno cuestionou a calidade das novas
sinais “que se torcen só con miralas” e advertiu de en todas as parroquias “hai sinais dos
lugares que xa caíron”. Recordou que “foi un investimento de máis de 700.000 euros”
que debería “manterse como corresponde porque se non se fai, eses cartos acabarán
nos contedores do lixo”.