Luis López Bueno tachou o acto de balance do primeiro ano de goberno de Gonzalo Louzao como a súa “festa de cumpreanos particular” e considera “gravísimo” que se utilizara un convite co escudo do Concello para “un capricho do alcalde, que non debería esquecer que é un veciño máis”.
O líder socialista preveu un discurso triunfalista do alcalde, moi alonxado da realidade que padecen os veciños e veciñas, porque neste ano de mandato “o alcalde non fixo nada máis alá dun photobook precioso, pero sen ningún contido político”.
Entre os grandes éxitos do goberno encabezado por Gonzalo Louzao está deixar fóra dos fondos europeos a extensión de fibra óptica nas parroquias. López Bueno pregúntase se o alcalde falará disto na súa festa.
Tamén se pregunta se lle contará que tardou tres meses en darse conta de que non ía ser capaz de sacar adiante o contrato do lixo aos veciños e veciñas que convidou. Ou se lles comentará que non haberá mellora do servizo neste 2025, e que para o ano vai subir a taxa pola recollida, en contra do que el mesmo dixo en
outubro do ano pasado.
Quizais fale de que o primeiro ano da alcaldía de Gonzalo Louzao foi o ano coa inversión nas parroquias máis ridícula da historia, só se asfaltaron 8 pistas, algo inédito na historia do Concello.
Ademais, non avanzaron nada na recuperación de varios edificios públicos que pronto van pasar á ruína, como o Ambulatorio, do que non pediron a cesión gratuíta, nin tampouco buscaron financiamento para reformalo, ou a Estación de Autobuses, que volveu hai uns anos ao patrimonio municipal “para seguir pechada a cal e canto”.
Advertiu de que “todo está moito peor que hai un ano” pero iso si, “142.000 euros para contratar xefes de prensa, haino”. Ademais as “pouquísimas” iniciativas do goberno están sen concretar, como as novas liñas de subvencións para as asociacións das parroquias, por exemplo.