O PSOE PROPÓN INCLUÍR NA AXENDA URBANA A CONSTRUCIÓN DUNHA RESIDENCIA PÚBLICA

Amalia Lago valora que “é importante que estea recollido no documento”. Román Suárez
valora que a Axenda é o suficientemente ampla como para que “entre todo”. Advirte de
que será “imposible” cumprir con todos os obxectivos que se marcan nela.

O PSOE da Estrada valorou a documentación da Axenda Urbana do Concello da Estrada a través do Voceiro de Urbanismo Román Suárez. Suárez considera que a Axenda é “moi ampla” e que polo tanto “entra case calquera actuación”. Indicou que incluso se recollen propostas do PSOE que o PP criticou hai escasos días e que polo tanto “esta axenda servirá para o presente mandato e cubre tamén posibles proxectos de próximas corporacións”.

Entre as propostas socialistas que se recollen na Axenda figuran un servizo de transporte rural-urbano, atención á crise industrial, rehabilitación de unitarias como centros de día a escala, medidas para combater o reto demográfico, política de rehabilitación de vivendas e alugueiro municipal, bono comercio, recuperación do centro de saúde da avenida de Santiago e ampliación dos programas de servizos sociais, por exemplo.

Suárez ve “esaxerado” marcar 24 obxectivos estratéxicos porque “será imposible cumprir con todos” pero comprende que “a Axenda Urbana debe abarcar todo porque é un documento que esixe a Unión Europea para acceder a financiamento europeo”, e manifestou que “contará co apoio do PSOE”.

Suárez tamén ve a “man” do goberno en algúns puntos do documento, como en darlle que se lle dá a prioridade a contar cun vehículo eléctrico, a creación do Gran Parque ou a aldea modelo da Grela. Por iso o voceiro de urbanismo valora que “hai que apoiar a axenda urbana pero estaremos moi atentos a como se acaba aplicando, todo depende de que prioridades estableza o goberno de turno. Estaremos atentos para fiscalizar que subvencións se solicitan, para que, e cales se deixan pasar”.

O PSOE unicamente ve unha deficiencia dentro da Axenda Urbana, e é que no documento de diagnóstico defínese o avellentamento da poboación da Estrada como unha debilidade pero as medidas que se propoñen son “escasas”. Amalia Lago valorou que “A Estrada conta con 2,7 prazas de residencia para a terceira idade por cada 100 maiores de 65 anos, só o 50 % das que recomenda a Organización Mundial da Saúde, é algo que se debe corrixir porque a demanda aumentará nos vindeiros anos”.

Lago opina que “con base no índice de avellentamento na Estrada -26 %- e de Dependencia -14 %-unha das actuacións que debe estar incluída na Axenda Urbana é a construción dunha residencia pública”. A construción desa residencia dependerá da vontade política de cada corporación e no PSOE temos ese obxectivo. Hai experiencias moi positivas en Silleda e Vila de Cruces, con prezos asumibles polas familias e prioridade para os veciños e veciñas do Concello”.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal, Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.