Luis López Bueno cita a documentación remitida á Xunta con medidas para resolver a
situación económica do Concello. Advirte de que José López “volve a mentirlle aos veciños
e veciñas como fixo coa suba do IBI e coa débeda”.
O PSOE da Estrada saíu ao paso das últimas declaracións do alcalde nas que afirma que
non se subirán as taxas e prezos públicos. Luis López Bueno advertiu de que na
documentación que o Concello lle remitiu á Xunta de Galicia sobre a situación económica
figura unha medida de “estudo para a actualización e modificación das ordenanzas
reguladoras de taxas”. López Bueno advirte de que “é un eufemismo para dicir que
aumentarán as taxas”.
O líder socialista explicou que esa documentación responde a un requirimento da
Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Xunta de Galicia porque “loxicamente,
hai preocupación polas contas da Estrada”.
Advirte de que o único que está claro é que o alcalde minte igual que fixo coa suba do IBI
e coa débeda, a suba de taxas igual non se materializa no 2024, “pero teño por seguro
que coa licitación do servizo do lixo e coa licitación do SAF, as taxas que pagan os veciños e veciñas van aumentar moito”.
López Bueno tamén indicou que “desgraciadamente para os veciños e veciñas” vimos
acertando en todo o que dicimos. “Cando falamos da débeda e da situación económica
xeral, José López e Alberto Blanco dicían que todo era fantástico e xa estamos vendo que
non era así”.
O líder socialista tamén lle respondeu a López Campos sobre a postura no novo crédito
que o PP pretende contratar. Pediulle ao rexedor que deixe de facer demagoxia “porque
sabe perfectamente que debe 3 millóns de euros” e é responsabilidade “unicamente da
mala xestión que fixeron dos fondos IDAE”. Recomendoulle que fale con Concellos que
xa cobraron, “e así verá que neses concellos non tiveron que reiniciar a licitación, nin
pediron prórrogas nin xustificaron tarde”.
Para xustificar o seu voto en contra, o líder socialista indicou que “neste enredo
económico meteuse o PP, nós non podemos avaliar esta xestión económica. Non fixeron
caso das advertencias e tampouco nos pediron opinión sobre o despilfarro que fixeron
estes meses”.
Tamén lle recomendou ao alcalde que “pense menos na postura do PSOE e se preocupe
máis de que os seus concelleiros se poñan a traballar e lle paguen aos provedores, que
son os que están sufrindo a ineptitude do goberno municipal”.