Luis López Bueno valora que “apretan o cinto en todo menos nos seus salarios, que
aumentaron 37.000 euros este ano e os próximos mentres o IBI sube un 25%”. Convida ao
PP a que “prediquen co exemplo” diante do esforzo que realizarán os veciños e veciñas.
O PSOE da Estrada fixo valoración dos orzamentos que presenta o goberno do PP para o exercicio 2024 e considera “ridículo” que o PP fale de apretar o cinturón cando “unha das partidas que se incrementa é a dos salarios do grupo de goberno, que aumentaron en 37.000 euros para este anoe os seguintes”. Destacou que os gastos en salarios aumentan mentres o PP “incrementou o IBI un 25%”.
Luis López Bueno explicou que estes orzamentos “reflexan as mentiras do PP de que privatizar servizos públicos vai aforrar cartos”. Indicou que lonxe de moderarse o gasto “a recollida de lixo aumenta o seu custo en 500.000 euros (1,3 a 1,7 millóns de euros) e Servizo de Axuda no Fogar en 350.000 euros (1.050.000 a 1,4 millóns de euros).
O custo dos servizos sube “pero iso non se reflexará en melloras para os veciños e veciñas”. O líder socialista advertiu de que non haberá máis contenedores de recollida selectiva, nin máis frecuencias de recollida nas parroquias, nin máis horas de SAF.
López Bueno valorou que “non parece serio falar dunha aposta polos servizos públicos cando non se vai mellorar ningún” e explicou que “o orzamento do lixo incrementa o gasto un 30% (moito máis que a inflación, que foi do 9%) e a suba do SAF vén provocada polo incremento do salario mínimo que lle hai que satisfacer ás traballadoras.
O líder socialista recoñece que determinadas partidas de gasto si que se axustaron ao gasto real que se viña facendo, e destacou que “son partidas que se contemplaban e non se gastaban en absoluto” asique “a nova planificación non cambia nada”.
Afeoulle a Alberto Blanco e a José López que “cando nós propuxemos bonificacións ao IBI das vivendas sen servizos básicos como traídas e saneamentos, o PP dixo que non había partidas que se puideran recurtar para asumilas. Agora vemos que si se podía, tal e como nós propoñiamos daquela”.
López Bueno considerou “moi creativa” a planificación dos ingresos. Criticou que a Participación por Ingresos do Estado sexa unicamente de 5,3 millóns cando “está anunciado un incremento do 22 % sobre esa cantidade” e tamén valorou como “curiosísimo” que se inclúa un ingreso do Plan +Provincia (o que era Plan Concellos da Deputación Socialista) cando “o PP non ten aprobadas sequera as bases dese Plan”.
O voceiro socialista recordou que “cando o Plan Concellos tiña as bases aprobadas antes de
acabar o ano, Alberto Blanco nunca aceptou incluír no orzamento uns ingresos que estaban xa comprometidos. Agora, sen saber cantos cartos virán -se é que veñen- non hai problema en metelos no orzamento”. Valorou que “Alberto Blanco e máis o alcalde están torturando os números para cadrar o orzamento” e considerou que é pouco serio “ter un goberno que dá bandazos cos seus criterios, o que non valía antes vale agora e viceversa”.