O PSOE APOSTA POLA XESTIÓN DIXITAL DA APERTURA DE EDIFICIOS PÚBLICOS

Belén López manifestou que hai usuarios que solicitan a ampliación de horarios, como
acontece na Casa das Letras. Considera que os horarios de apertura e peche de algúns
edificios son insuficientes e propón implantar sistemas dixitais para xestionar entradas e
saídas.

Belén López Pena, Concelleira do Grupo Municipal Socialista fíxose eco da solicitude de ampliación de horarios por parte dos usuarios da Casa das Letras. A voceira de Cultura dos socialistas manifestou que lle parece unha petición “lexítima” e que pode aplicarse perfectamente.

A proposta do PSOE da Estrada é xestionar con sistemas dixitais os horarios de apertura e peche de algúns edificios públicos, como pode ser a Casa das Letras, Casa da Música e Novo Mercado, onde se desenvolven actividades durante a semana.

Belén López propón desenvolver un sistema de código único e persoal para poder acceder ás instalacións sen que se necesite a presenza dun funcionario. “É un sistema que xa se aplica en instalacións municipais doutros concellos, como na Bilbioteca Municipal de Ordes”.

A concelleira explicou que o sistema de acceso iría por código único, que en ningún caso se propón a apertura 24 horas das instalacións e que sería necesaria a instalación de cámaras de vixilancia, pero manifestou que “os veciños e veciñas respectamos as instalacións municipais” e confía en que “con este sistema sigamos facéndoo”.

O sistema dixital permitiría adaptarse ás necesidades dos usuarios e desta maneira “ampliar a prestación de servizos públicos”. Belén López ve na iniciativa socialista “un gran paso” na mellora da xestión municipal.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.