O PSOE ALERTA DO ALARMANTE INCREMENTO DE VIVENDAS BALEIRAS NA ESTRADA

Román Suárez explica que A Estrada ten agora mesmo 3.962 vivendas baleiras, o dobre que hai 10 anos (2.050). Reclama un enfoque distinto da política urbanística da Estrada, “hai que priorizar a rehabilitación, xa temos un parque de vivenda moi amplo”.

O PSOE da Estrada analizou os datos que este mesmo ano publicou o Censo de Vivendas Baleiras do Observatorio da Vivenda de Galicia. Román Suárez calificou de “alarmante” o incremento de vivendas baleiras na Estrada, que pasou de 2.050 no ano 2011 a 3.962 no ano 2021. Explicou que vivenda baleira é aquela que non é nin primeira nin segunda
residencia de ninguén.

Para o voceiro de urbanismo do Grupo Municipal Socialista estes datos demostran que “A Estrada é un concello en clara regresión” e demostra o “fracaso absoluto” do PXOM aprobado polo PP.

Suárez considera que “está demostrado que non era a ferramenta de futuro que necesitaba A Estrada” e referiuse aos datos que figuran no propio plan, que prevía 4.500 novas vivendas e un aumento de 6.800 veciños e veciñas no período 2013-2025. “Desgraciadamente, estamos vendo como todo iso era unha fantasía do PP” apuntou.

O concelleiro explicou que o PP non fai política de vivenda “nin pública nin privada” e instou ao goberno local a “tomar medidas” para que o mercado inmobiliario da Estrada “volva ser dinámico”. Román Suárez ten claro que nos vindeiros anos haberá menos promoción privada nos concellos de mediano tamaño, e por iso considera que “a alternativa máis intelixente é priorizar a reforma do parque de vivendas que xa temos”.

No último Pleno municipal Luis López Bueno reflexionou sobre a posición actual da Estrada no conxunto de Galicia. O líder socialista apuntou a que “A Estrada está diante dunha oportunidade histórica” polos altos prezos da vivenda en Santiago de Compostela. “A vivenda nova en Santiago está en 350.000 a 400.000 euros, é imposible de adquirir para rendas de familias traballadoras” apuntou.

Pediulle a toda a corporación que “temos que ser capaces de convencer á xente de que A Estrada somos un candidato moi serio para desenvolver proxectos de vida nela” e advertiu de que “é a primeira vez na historia que podemos aproveitar o feito de ser área metropolitana de Santiago de Compostela”.

Tamén recordou que o PP da Estrada nin sequera solicitou a subvención de 50.000 euros por vivenda que outorgaban os fondos europeos para construción de vivenda de alugueiro social. Ademais explicou que a Xuntaimpediu que os concellos de máis de 20.000 habitantes rehabilitaran  vivenda existente coa mesma subvención, demostrando un
“descoñecemento absoluto das necesidades dos Concellos”.

Esta entrada ha sido publicada en Grupo Municipal y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.