O PSOE DA ESTRADA VE URXENTE PLANIFICAR O FUTURO DAS INSTALACIÓNS DOS XULGADOS 1 E 2

Luis López Bueno valora como “estratéxico para A Estrada” aproveitar esas instalacións para usos municipais. Considera que 2024 debería rematar cun plan consensuado sobre eses edificios.

O PSOE da Estrada ve urxente planificar o futuro das instalacións dos xulgados 1 e 2 da Estrada, que quedarán desocupados este 2024 “se esta vez se cumpren os prazos que deu a Xunta”.

Luis López Bueno explicou que as instalacións dos xulgados 1 e 2 teñen situacións distintas, “o Xulgado 1 é propiedade da Xunta de Galicia e o número 2 é propiedade do Concello”.  Iso provoca que “o número 2 sería aproveitable inmediatamente, mentres que o número 1 precisa un acordo entre o Concello e a Xunta de Galicia”.

O voceiro socialista considera “estratéxico para A Estrada” recuperar esas instalacións para
prestar servizos municipais, e bota en falta que o PP “non avanzara se pensa facer algo con esas instalacións”.

López Bueno explica que os dous edificios poden responder a necesidades actuais da Estrada. Indicou que existen servizos municipais que precisan dunhas instalacións mellores e apuntou que tamén se poderían aproveitar para ofrecer novos espazos para as entidades locais. En calquera caso, López Bueno considera fundamental que “o que se vaia facer debe decidirse por consenso” porque “os usos deberán manterse moitos anos, trátase de actuacións a longo prazo”.

O líder socialista considera que o PP debe “aclararse” e “avanzar algunha proposta, como lle corresponde a calquera goberno municipal”. Indicou que “é sabido que Amalia Goldar pretende levar as instalacións de servizos sociais ao actual Xulgado 1”, aspiración que non coincide co que o PP prometeu en campaña electoral.

Bueno explicou que “o PP prometeu novas instalacións para servizos sociais no ambulatorio
antigo seguindo a dirección que marcamos dende o PSOE xa no ano 2019” pero lamentou que “de momento o único que fixo o PP para conseguir o uso do edificio foi unha foto diante del”.

O líder socialista mantén a súa postura de que “a única alternativa realista é que a TGSS ceda o edificio con carácter gratuíto e indefinido, como permite a lei” e recomendoulle ao PP que abandone a súa estratexia de reversión do edificio “que vai contra a lei e non conduce a ningures”. Ademais valorou que a proposta socialista “é a única fórmula que permite recuperar o edificio para o Concello e acondicionalo con fondos de calquera administración, sexan da Deputación, da Xunta, do Estado ou de Europa”.

Advertiu de que “coa estratexia PP temos unha zona do casco urbano perdendo actividade e un edificio de 2.000 metros cadrados deteriorándose cada día. Xa van 2 anos de paralización e serán moitos máis se o PP da Estrada non cambia de actitude”.

López Bueno considera que nos vindeiros meses “quedarán ao descuberto as mentiras do
alcalde” respecto da reversión gratuíta do centro de saúde antigo. “O alcalde sabe perfectamente que a lei impide que as administracións regalen os seus bens inmobles, e a Xunta tampouco vai a dar a propiedade do Xulgado 1 sen ningunha contraprestación”.

Esta entrada ha sido publicada en Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.