O líder socialista pregúntase se subiron o IBI “para pagar estas historias”. Pídelle a Gonzalo Louzao que se comporte como Presidente da Corporación e non como Presidente da Comisión de Festas.
O líder do Grupo Municipal Socialista, Luis López Bueno, valorou como “barbaridade sen precedentes” a instalación da carpa na praza do Concello “que nos vai custar a todos decenas de milleiros de euros” mentres que servizos municipais como o SAF, a recollida de lixo ou as pequenas peticións dos veciños e veciñas están completamente desatendidas porque “di Gonzalo Louzao que non hai cartos para atendelas”.
López Bueno considera que é moi difícil xustificar un gasto coma este, e opina que este goberno debería definir mellor as súas prioridades porque “xa sabemos que son moi capaces de organizar festas a conta dos cartos de todos os veciños e veciñas”.
Comentou con sorna que “parece que Gonzalo ten nostalxia do seu cargo como presidente da Comisión de Festas, xa debería darse conta de que agora é Presidente da Corporación e debe xestionar o Concello”.
Ademais, a instalación dunha carpa “carísima” contradí os argumentos que utilizou o PP para defender a “aberración” da Praza do Concello. Dicían que era un espazo diáfano para eventos, no que incluso poden aterrar helicópteros, “e agora resulta que debemos gastar milleiros de euros en limpala porque non se fixo antes, e outros milleiros de euros en carpas para poder usala”.
López Bueno advertiu de que “o gasto entre limpeza, carpa e actuación da París de Noia vai superar amplamente os 100.000 euros, e imos pagalos entre todos”. Recordou que o PP da Estrada subiu o IBI un 25% “para pagar todas estas historias que non melloran en nada a vida da xente”.
O líder socialista tamén insta a Gonzalo Louzao a que “poña o mesmo interese en resolver os problemas dos veciños e veciñas que o que pon en sacar fotos inútiles”.
Para poñer un exemplo utilizou o servizo de recollida de lixo: “Non parece moi intelixente gastar cartos en carteis para concienciar sobre a reciclaxe en vez de gastalos en ampliar a rede de contedores de recollida selectiva nas parroquias ou mellorar as frecuencias de recollida”.