BELÉN LÓPEZ CONSIDERA “INADMISIBLE” A OBRA DAS PISCINAS MUNICIPAIS

O Grupo Municipal Socialista valora como “un despropósito” a inversión de máis de 400.000 euros nas piscinas para “empeorar o que había”.

A concelleira Socialista Belén López Pena valorou a modificación do proxecto das piscinas municipais como “unha nova chapuza do goberno de Gonzalo Louzao” e considera como “inadmisible” que se invertiran máis de 400.000 euros nunha reforma que “rebaixa a calidade das piscinas municipais e réstalle funcionalidade”.

Belén López manifestou que “A Estrada debe ser o único Concello de Galicia onde se fai unha actuación de centos de milleiros de euros para empeorar os servizos que se prestaban. É un escándalo”.

Explicou que cun vaso de 25 metros en vez de 50, as piscinas perden a oportunidade de acoller determinados campionatos, “unha posibilidade que ata agora tiñamos aberta”.
Culpa directamente ao goberno municipal desta situación porque “os supostos problemas técnicos que apareceron eran perfectamente salvables pero esixían un pouco máis de inversión, claro”.

Opina que a reforma desas instalacións era moi necesaria e recordou que “os socialistas levamos pedíndoa dende hai anos”. Advertiu de que “postos a facer unha reforma, non se debería degradar o servizo”.

Ademais, tirou de memoria para demostrar os “bandazos” que deu o goberno municipal sobre a reforma das instalacións: “pasamos de ter un acuapark a ter unha reparación do vaso grande, e finalmente este goberno preséntanos unha piscina da metade do tamaño actual”.

Tamén recordou que ela mesma propuxo “unha axenda de actividades para aproveitar as piscinas moito máis”, apostando por complementar o uso cun catálogo de actividades para persoas maiores durante os meses de verán.

Ademais, Belén López recordoulle ao goberno municipal a súa neglixencia á hora de xestionar a reforma da instalación. “O ano pasado Gonzalo Louzao recortou o servizo de piscina un mes, pasando de 3 a 2 meses. Utilizaron a escusa de que en setembro comezaba a reforma, pero o único certo é que ata xaneiro deste ano non se adxudicou o contrato”.

Esta entrada ha sido publicada en Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.