Luis López Bueno valora a decisión de sancionar a Catering Spain Corporate Services SL como “unha excusa para desviar o foco”
O PSOE da Estrada reaccionou á nova anunciada polo goberno de Gonzalo Louzao sobre a sación á empresa Catering Spain Corporate Services SL polo servizo prestado na Festa do Maior 2025. López Bueno advertiu de que “eu sancionaría ao Goberno por incompetente, non foron capaces de organizar ben un evento sobre o que tiñamos un consenso”.
López Bueno recordou que “este contrato sempre se fixera da mesma maneira e foi Gonzalo Louzao o que rompeu co acordo” e provocou que “as empresas locais saíran penalizadas fronte a outras de fóra, moito máis grandes e con máis medios”.
O líder socialista tamén quixo recordar que “dende o PSOE puxemos enriba da mesa moitos exemplos de como hai que facer este contrato” pero “lonxe de rectificar, Gonzalo seguiu adiante en contra das empresas da Estrada”.
Ademais pronunciouse sobre as sancións que se pretenden impoñer, e considera que “se a empresa se opón a esas sancións, teñen todas as de gañar porque cumpriron co que indicaban os pregos, que estaban mal feitos” e ademais explicou que “o goberno seguro que acordou un período de preaviso sobre o número de comensais que non sabemos se se
cumpriu”.
Concluíu que esa proposta de sanción “é unha excusa de Gonzalo para intentar desviar o foco, quere sacudirse a responsabilidade directa que ten na decisión de modificar o procedemento de contratación”.
Augura que “pese ás excusas que ofreceu Gonzalo no seu momento, eu estou convencido de que o vindeiro contrato se xestionará como dixemos nós”. López Bueno tamén manifestou o seu desexao de que o goberno “rectifique, organice ben, e mire máis polas empresas da Estrada. Quedou demostrado que o Pulpo madrileño non é como o de aquí”.