O PSOE RECLAMA UNHA RESIDENCIA DE MAIORES PÚBLICA NA ESTRADA

Amalia Lago valora que “a residencia privada cubriu todas as prazas sen conveniar, iso demostra que existe unha gran demanda sen atender” polo que reclama da Xunta “o mesmo que están facendo noutros concellos”.

O PSOE da Estrada reclama unha residencia de maiores pública na Estrada. A Concelleira socialista Amalia Lago explica que “o que pedimos dende o PSOE non é nada distinto ao que hai noutros Concellos como Ribeira, que vai ter unha nova residencia da Xunta de Galicia”.

Amalia Lago explicou que A Estrada ten 2,8 prazas en residencias por cada 100 maiores de 65 anos (40 da residencia pública, para non dependentes máis 120 da Residencia Amboage) mentres que o nivel recomendado pola OMS é de 5 prazas, polo que “faría falla dobrar as prazas dispoñibles para achegarnos a esa ratio”. Ademais, apuntou a que a tendencia ao envellecemento poboacional “vai provocar que cada ano aumenten as prazas necesarias”.

Indicou que unha proba de que existe unha gran demanda sen atender é que a Residencia
Amboage cubriu todas as súas prazas sen necesidade de conveniar ningunha coa Xunta de Galicia.

Explicou que se alegran de que as instalacións do Grupo Amboage estean cheas aínda que
destaca a “aposta polo público” que sempre defendeu o PSOE no ámbito da política social.
Lago considera que a residencia privada presta un servizo necesario, e indica que “a nova
residencia pública que reclamamos permitiría novas prazas moito máis accesibles dende o punto de vista económico” xa que os usuarios pagan en torno aos 6.000 euros ao ano (500 euros ao mes).

Amalia Lago reclama que o PP da Estrada se preocupe desta situación e comece a traballar en “conseguir unha bolsa de terreo que poida acoller as instalacións” o que “permitiría abrir unha negociación coa Xunta de Galicia”. Neste sentido, valorou negativamente que na última visita da Conselleira Fabiola García “nin sequera se tocara este asunto”.

Tamén recordou que o PSOE da Estrada incluíu unha proposta de Residencia de colaboración público-privada na Axenda Urbana da Estrada. A concelleira socialista explica que “esta solución xa se tomou en concellos próximos a nós como Silleda, onde funciona máis que ben”, aínda que “a aposta do Grupo Municipal Socialista é que a Xunta de Galicia cumpra coas súas competencias en política social e sexan esa administración a que se faga cargo das inversións e do persoal”.

Casa do Maior e actividades para persoas con discapacidade

Amalia Lago tamén reclama que o Concello promova máis actividades para a terceira idade e que se reforcen as actividades específicas para persoas con discapacidade, xa que a oferta actual é “escasa”. Nese sentido, a concelleira socialista ve “razoable” que o Concello promova un novo servizo de carácter municipal como unha “Casa do Maior” onde se organicen actividades dirixidas a este colectivo e que funcione como un “punto de encontro” para os maiores da Estrada.

Amalia Lago aposta porque este servizo se acolla nunha instalación municipal e que acolla tamén determinadas actividades para xente moza, ampliando así a oferta para ese colectivo e “creando vínculos entre a xeración maior e a xente máis nova”.

Esta entrada ha sido publicada en Luis López Bueno y etiquetada como , . Guarda el enlace permanente.