Luis López Bueno e Raquel Giao mantiveron reunións cos centros de secundaria
directamente afectados polo suposto acordo. Consideran que se chegou á solución “da
que se saben a metade das cousas e que se fixo sen ningún consenso, por imposición”.
O PSOE da Estrada dise preocupado polo sixilo e oscurantismo co que a Dirección Territorial de Ensino está levando a remodelación do ensino secundario no Concello da Estrada. Luis López Bueno e Raquel Giao Terzado mantiveron reunións cos centros de ensino afectados directamente polo suposto acordo que tomará a propia Dirección Territorial.
López Bueno considera que “é obvio que A Estrada necesita repensar o esquema do ensino
secundario e das áreas de influencia dos CEIP”, para o socialista “non poden existir centros de primaria con 50 alumnos no noso Concello, é necesario equilibrar as matrículas para que os centros poidan garantir programas como o Plan Madruga ou comedores escolares” e advertiu de que “con estes programas garantidos, non habería fugas de alumnos cara CEIP dos Concellos limítrofes como Vedra ou Teo”.
Ademais, sobre o ensino secundario, López Bueno considera que “xa é hora de facer unha aposta ambiciosa pola Formación Profesional na Estrada”. Recordou que A Estrada conta con 4 centros de ensino secundario “que teñen capacidade de sobra para asumir as matrículas actuais”, e ve “perfectamente viable” que A Estrada dispoña dun Centro Integrado de Formación Profesional “onde exista a variedade de formación que debe ter unha cabeceira de comarca”.
Non comparte para nada as forma de actuar da Xunta de Galicia sobre este asunto, e considera que “a información que existe ata o momento deixa intuír unha solución a medias que unicamente engloba ao ensino secundario”.
Indicou que hai moitas incógnitas pendentes de despexar e pediulle “transparencia” á Xunta de Galicia porque “de momento só se coñece que o CEIP de Figueroa pasará a facer a ESO no IES N1 pero non se di nada do resto de centros: quedarán como están ou vaise modificar a adscrición?, Aplicarase xa no 2024? Vai ir acompañado dun compromiso de conceder nova FP ao Losada Diéguez? Non se fará nada coas áreas de influencia dos centros de primaria?”
López Bueno avanzou que “cando todo isto deixen de ser conxeturas da Dirección Territorial” solicitará a convocatoria dun Consello Escolar Municipal para tratar “a proposta para o 2024/25 e a situación na que quedan o ensino primario e o ensino secundario”. López Bueno lamenta que non se reunira a este órgano “moito antes” para que “existira unha proposta negociada” que valorase outras alternativas como centrar a ESO nun centro único, Bacharelato noutro e FP nun Centro Integrado.
Ademais valorou como “moi curioso” que o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez,
chamara á calma e intentara poñerlle freo as informacións que ofreceu José López hai unhas semanas, pero que finalmente non haxa “nin calma nin negociación” e “exista un acordo para este mesmo curso 2024-2025 que só está pendente de firma”.
López Bueno pediu «sensibilidade» e «claridade» con este asunto. Considera que se debe ofrecer toda a información ás familias porque os trámites de matrícula xa comezaron, e as familias e os alumnos teñen que ter claro «a que normas deben aterse». Valorou como «moi urxente» aclarar a situación de cara ao curso 24/25.