Luis López Bueno valora como “pouco razoable” que a Concelleira compareza sobre asuntos nos que “non ten ningunha capacidade de decisión”. Dende o PSOE non entenden “quen ten que falar é a Xefatura Territorial de Educación, que é quen fai a proposta”.
Solicítanlle ao PP que dea explicacións no Consello Escolar Municipal, que é “o órgano competente para tratar unha reorganización que nos afecta a todos”. O PSOE da Estrada valorou a comparecencia de Amalia Goldar para explicar a reorganización secundaria no Concello da Estrada. Luis López Bueno ve un único punto de acordo, que é a necesidade de “reformar a planta educativa na Estrada”. Dende o PSOE apúntase a unha reforma integral “de primaria e secundaria” mentres ven que o PP “só parece preocupado pola secundaria”.
López Bueno ve “moi sorprendente” que a Concelleira de Educación comparecera para falar “dun acordo que disque está sen asinar, que non é competencia municipal, e sen dar ningunha información nova sobre o que xa se sabe”. O líder socialista achácalle esa comparecencia ao “nerviosismo” do PP da Estrada sobre esta reforma imposta.
Indicou que é “pouco razoable” que se ofrezan “explicacións” nos medios por parte da concelleira, e máis aínda cando “xa houbo reunión para dar esas explicacións”. Ademais destacou que o PP aínda non tivo a valentía de convocar o Consello Escolar Municipal, que é o órgano competente para discutir sobre a reorganización proposta.
López Bueno anunciou que o Grupo Municipal Socialista rexistrou este mesmo xoves unha
solicitude de convocatoria do Consello Escolar Municipal para que o PP “acabe con este circo de informacións parciais e interesadas que ofreceron o alcalde e a concelleira, que non teñen capacidade de decisión sobre o asunto”. Solicitou que se convoque tamén á Xefatura Territorial para que “ofreza as explicacións o órgano competente para asinar o acordo”.
Ademais, o líder socialista considera que “dende PSOE da Estrada achegaremos unha proposta digna dunha valoración seria por parte da Xefatura Territorial” como é centrar a ESO nun único IES, o bacharelato noutro e contar cun Centro Integrado de Formación Profesional que aumente a oferta de FP na Estrada. Dende o Grupo Socialista ven nesta unha proposta “que permite agrupar alumnos de idades similares nos centros, que aumentaría a matrícula de todos os IES, melloraría a coordinación nos Institutos e que deixaría un escenario moi claro para as familias”.
Reorganización do ensino primario
López Bueno ve como “unha oportunidade perdida” non abordar tamén a reorganización do ensino de primaria na Estrada. Para os socialistas, “é necesario equilibrar as matrículas nos CEIP para que se garantan os programas dun ano a outro, como o Plan Madruga ou os comedores escolares”. Advertiu de que hai centros con moi pouco alumnado e outros ao borde da súa capacidade “exactamente igual que acontece co ensino secundario, polo que debería abordarse unha reforma integral neste momento”.