O PSOE da Estrada ve un esperpento na fotografía que o PP foi sacar ás recén comezadas obras da autovía ata Pontevea

Luis López Bueno tachou a imaxe de «embarazosa» ao atoparse nela o Presidente da Deputación de Pontevedra e Presidente do PP de Pontevedra, a Secretaria Xeral do PP de Pontevedra, o alcalde da Estrada e o concelleiro de urbanismo. López Bueno comentou que «é ridículo que os cargos de Pontevedra vaian visitar unhas obras que comezan e rematan na provincia da Coruña».

López Bueno valorou como sorprendente que despois de ter a ampliación paralizada durante 15 longos anos, o PP intente patrimonializar a autovía. Lamentou que o PP só recorde a autovía en época electoral e que «xogue ao politiqueo» cunha infraestrutura pola que todos levamos anos pelexando e que «tiña que estar rematada hai moitos anos».

O líder socialista tamén advertiu ao PP de que «os veciños e veciñas saben perfectamente que os mesmos que aparecen na foto son os que pararon a ampliación mentres favorecían outros concellos» e por iso «ninguén entende que o PP intente aparecer agora como salvador da autovía».

López Bueno opina que o PP da Estrada debería ter defendido «con moita máis intensidade do que o fixo» os intereses dos veciños e veciñas, e acusou ao alcalde de «levar posta a camiseta do PP durante anos». A ese respecto recordou as declaracións do propio rexedor, nas que revelara que fora «xeneroso e comprensivo» coa Xunta de Galicia. O voceiro socialista considerou que «puido dicir que foi sumiso ao que lle mandaban dende Santiago e quedaría moito máis claro, defendeu os intereses do PP e non os dos veciños e veciñas da Estrada».

López Bueno tamén valorou as declaracións de Alfonso Rueda este domingo nas que aseguraba que se depende del a autovía chegará á Estrada. Considerou que é pouco crible porque «ese señor levaba 14 anos sendo Vicepresidente da Xunta e non moveu un dedo para a ampliación». Ademais recordou que o segundo tramo «aínda está pendente de sacar a licitación», recordando que a última vez que quedou algo pendente tivemos que esperar 15 anos.

López Bueno recordou a multitude de anuncios incumpridos que gardan as hemerotecas sobre esta infraestrutura, pero confía en que «a autovía sexa un feito sexa cal sexa o goberno da Xunta». Por último convidou ao alcalde a «facer política útil para A Estrada» conseguindo a licitación do segundo tramo «canto antes».

Esta entrada ha sido publicada en Luis López Bueno y etiquetada como . Guarda el enlace permanente.